O Centro Sociocultural da Ramallosa levará a escea a obra ‘Abril de lume e ferro’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioTeo
A-
A+

A Asociación Cultural e Teatral Abril de Lume e Ferro de Carral leva a escena este sábado, 19 de abril, ás 21 horas, unha obra propicia para comprender os acontecementos que tiveron lugar nese territorio no ano 1846, os fusilamentos de Carral. Estes acontecementos históricos estiveron precedidos doutro importante feito que se localiza en territorio teense, a Batalla de Cacheiras. Batalla esta que puxo a combater os alcistas liberais, comandados por Solís, contra os contragolpistas designados polo ditador centralista Narváez, capitaneados por De la Concha. Finalmente o alzamento caeu derrotado e Solís e once oficiais seus foron fusilados en Carral o 26 de abril, os cales acabaron sendo popularmente coñecidos como os Mártires de Carral.

Esta obra, representada polos propios veciños, achéganos un dos feitos históricos máis representativo do pobo galego nos últimos séculos e, en particular, do Concello de Teo.

A posta en escena de Abril de lume e ferro é un paso máis na relación intermunicipal que estes feitos provocaron entre o Concello de Teo e o de Carral, que se leva manifestando nos últimos anos co tradicional intercambio entre o alumnado dos institutos destas dúas localidades. Os rapaces e rapazas de Teo e Carral realizan, ano tras ano, unha andaina pola ruta da Batalla de Cacheiras, ruta que o Concello de Teo habilitou e sinalizou hai anos, a cal percorrerán o vindeiro mércores 23 de abril.

A oferta cultural municipal durante estes días festivos de Semana Santa complétase co contacontos infantil Mundos contados a cargo de Talía Teatro na Mediateca do Grilo, este venres 18 ás 18.00 h.

Para ambos espectáculos a entrada é de balde, aínda que o Concello de Teo agradece toda contribución que se faga co Banco de Alimentos mediante a doazón de produtos non perecedoiros.

16 de abril de 2014 | 12:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.