O Castelo da Concepción de Cedeira abrirase ao público en Semana Santa
O Concello de Cedeira abrirá o Castelo da Concepción ao público durante a época de Semana Santa, facilitando así a visita a un dos seus principais reclamos turísticos. Será dende o martes, 15 de abril, ata o domingo, día 20, en horario de mañá (de 11,30 a 14 horas) e tarde (de 17 a 20 horas). As persoas interesadas en descubrir a fortificación terán á súa disposición unha guía turística que lles dará conta da súa historia.
O Castelo da Concepción ubícase na zona portuaria. É unha obra militar de carácter defensivo que, alzada sobre un promontorio, data do ano 1747. Foi construído en parte dun territorio que algún día foi castro e, deste primitivo asentamento, son aínda ben visibles dous amplos fosos. A súa construcción nace da necesidade que Cedeira, vila e porto marítimo a un tempo, tiña de defenderse de posibles atacantes que chegaban por mar. Os planos antigos que se custodian a día de hoxe nos arquivos militares permiten saber o destino que se lle deu a cada unha das dependencias das que consta o edificio: cociña, cuarto para o oficial, cuartel de guarnición, cuarto para equipamento de artillería e sala de pólvora. Conta tamén con garita para o centinela e troneiras para asomar os cañóns que aínda hoxe en día se conservan. Os visitantes poden coñecer a súa historia a través do centro de interpretación que alberga no seu interior.











