O Castelo da Concepción de Cedeira abre mañá as súas portas ao público

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

O Castelo da Concepción abrirá as súas portas ao público durante esta Semana Santa. E faráo dende mañá martes e ata o próximo domingo, día 20. Segundo informou o Concello de Cedeira, veciños e visitantes poderán visitar a fortificación en horario de mañá (de 11,30 a 14 horas) e de tarde (de 17 a 20 horas). Así mesmo, as persoas interesadas en descubrir a fortaleza terán á súa disposición unha guía turística que lles dará conta da súa historia. Precisamente, a fortificación recibía o pasado venres a visita programada dun numeroso grupo de persoas integrantes da Asociación para la Cultura y Tiempo Libre de los Mayores de Puerto-Lumbreras (Murcia). Grupo que tamén aproveitou a súa estancia para coñecer outros lugares emblemáticos da vila como San Andrés de Teixido ou a Garita da Herbeira.

O Castelo da Concepción ubícase na zona portuaria. É unha obra militar de carácter defensivo que, alzada sobre un promontorio, data do ano 1747. Foi construído en parte dun territorio que algún día foi castro e, deste primitivo asentamento, son aínda ben visibles dous amplos fosos. A súa construcción nace da necesidade que Cedeira, vila e porto marítimo a un tempo, tiña de defenderse de posibles atacantes que chegaban por mar. Os planos antigos que se custodian a día de hoxe nos arquivos militares permiten saber o destino que se lle deu a cada unha das dependencias das que consta o edificio: cociña, cuarto para o oficial, cuartel de guarnición, cuarto para equipamento de artillería e sala de pólvora. Conta tamén con garita para o centinela e troneiras para asomar os cañóns que aínda hoxe en día se conservan. Os visitantes poden coñecer a súa historia a través do centro de interpretación que alberga no seu interior.

14 de abril de 2014 | 19:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.