O Casfer Cerramentos proclámase campión da Liga de Fútbol Sala de Lousame

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLousame
A-
A+

O conxunto do Casfer Cerramentos proclamouse campión da Liga de Fútbol Sala do Concello de Lousame tras vencer na final ao Fruíme FS por 0-2, despois dun disputado e igualado encontro entre os dous mellores conxuntos da Liga disputado na noite de onte xoves no pavillón polideportivo municipal de Lousame. O encontro foi moi disputado, como demostra que se chegara ao descanso con empate sen goles e con apenas ocasións de gol. Na segunda parte, un desafortunado gol en propia meta de Óscar e un segundo tanto de Chipi decantaron a final do lado do Casfer Cerramentos.

Deste xeito, os dous primeiros clasificados da Liga Regular repiten posicións na clasificación definitiva, e logo do play-off polo título. Nas semifinais, o Casfer Cerramentos derrotara ao Bar Tesano-Cafetería Perla 2 por 3-1 e 6-0; mentres que o Fruíme FC se impuxera ao Pub Cotton-Burguer Grills por 5-2 e 3-2.

Clasificacións

Na final de consolación, o equipo do Bar Tesano-Cafetería Perla 2 impúxose por 7-3 ao conxunto do Pub Cotton-Burguer Grills, sobre todo grazas a uns minutos de moita pegada nos que conseguiron practicamente 4 goles seguidos. Deste xeito, o cadro final da competición queda do seguinte modo:

1º Casfer Cerramentos

2º Fruíme FC

3º Bar Tesano-Cafetería Perla 2

4º Pub Cotton-Burguer Grills

A gran final estivo presidida pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e polo concelleiro de Deportes, Manuel Ourille, quen se encargaron de entregar os premios aos capitáns dos tres primeiros clasificados. Tamén recibiron premio Jesús Hermo, porteiro do Casfer Cerramentos, como porteiro menos goleado (tan só encaixou 31 goles, permaneceu imbatido na final e tan só encaixou un tanto nos dous encontros das semifinais); e Javier Juanatey Martínez, do Fruíme FS, como máximo goleador, ao sumar un total de 35 tantos.

Villaverde felicitou tanto aos xogadores que disputaron a final como a todos os que participaron neste campionato, ao tempo que os convidou a participar en familia o próximo xoves 1 de maio no Campionato de Fútbol Base, que terá lugar no campo de fútbol de Cabanetán e que contará coa participación de 29 equipos, fronte aos 11 conxuntos que participaron en 2013.

25 de abril de 2014 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.