O Carballo InterPlay presenta “Toñito, ti es especial” e continúa con actividades paralelas no Fórum

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

Expectación, nervios e bastante público estiveron presentes o xoves 24 de abril no Pazo da Cultura de Carballo para asistir á estrea de “Toñito, ti es especial”, a webserie de cinco mini capítulos que presentaron os alumnos e alumnas do primeiro taller de webseries que se celebrou no marco do I Festival Carballo InterPlay. A maior parte dos profesores e dos mozos e mozas carballeses que participaron nesta aventura asistiron tamén ao auditorio para esta estrea que espertou risas e sorrisos entre os espectadores e que foi gabada tanto polos profesores responsables como polos padriños do festival, David Sáinz e Teresa Segura. Esta última fixo especial fincapé no papel do protagonista, de quen dixo que interpreta incluso mellor que actores profesionais. Despois da proxección e dos sonoros aplausos, houbo un acto de entrega de diplomas para os 20 participantes no taller, e unha animada sesión no Photocall do festival. A xornada inaugural do CIP pechouse cunha sección paralela coas webseries “Angélica e Roberta” e “El viúdo quiere mimos”, mais a cita continúa con numerosas actividades. Hai que subliñar a estrea o venres 25 ás 21.00 horas no Pazo da Cultura do capítulo 3×09 da popular webserie “Malviviendo”, ou a presenza o sábado 27 ás 12.30 horas do humorista e actor Xosé Touriñán.

25 de abril de 2014 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.