O Carballiño converteuse na capital da Semana Santa ourensá
Centos de persoas participaron na procesión principal da Semana Santa do Carballiño, organizada pola confraría da Beira Cruz. A procesión dos Caladiños tivo este ano un especial brillo e devoción, ao que axudou o acompañamento da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, ou o Orfeón do Carballiño, así como as voces de Almudena Mosquera, Emilio Rodríguez e María do Ceo, que coas súas saetas conmoveron toda a carreira procesional.
A grandeza desta semana Santa, o maior expoñente desta festa relixiosa en toda a provincia, notouse tamén no número de confrades que participaron nela. Case dobraron o número do pasado ano, ataviados co traxe procesional da confraría, con capirotes brancos e manto morado.
Tampouco faltaron as autoridades locais, que acompañaron ás imaxes durante o percorrido, xunto con centos de veciños que non faltaron á cita. A actividade desta semana santa carballiñesa, que comezou o pasado venres 11 de abril coa procesión do traslado da virxe Dolorosa, finalizou este domingo, 20 de abril, coa celebración da resurrección do señor no Templo da Veracruz
Ademais do aspecto relixioso, a Semana Santa foi tamén un aliciente turístico que fixo que moitos turistas escollesen a vila do Carballiño para pasar uns días, aproveitando os actos propios das datas, e descubrir a gastronomía e o ambiente local.
Numerosas excursións pasaron estes días polo Carballiño, atraídos sen dúbida polo programa elaborado pola confraría da Beira Cruz, sen esquecer o turismo familiar que un ano máis cumpriu coa cita carballiñesa.
Nesta semana a área de Turismo publicará os datos oficiais sobre as visitas recibidas durante esta pasada semana.











