O campión do mundo de Country e Line Dance impartirá un curso destas disciplinas de baile en Oroso

Miquel Menéndez
Miquel Menéndez, campión do mundo de Country e Line Dance nos anos 2011 e 2013, impartirá este domingo 27 de abril un obradoiro de country e baile en liña no centro cultural de Sigüeiro. Menéndez será o encargado de inaugurar os obradoiros formativos organizados polo Club Deportivo Alecrín, que se presentou oficialmente o pasado 16 de abril e que xa supera os sesenta socios.
As clases do actual campión do mundo de Country e Line Dance terán lugar entre as 17:00 e as 21:00 horas, estruturadas en catro sesións adaptadas á idade e ao nivel dos alumnos e alumnas do obradoiro. Unha sesión dunha hora gratuíta para os socios do Club Deportivo Alecrín e cunha cota de inscrición de 20 euros para os non socios. Máis información no teléfono 881 981 738, no mail clubdeportivoalecrin@gmail.com ou na web www.talleralecrin.com.
Miquel Menéndez
Miquel Menéndez Bartolomé é monitor e instrutor de Country e Line Dance, así como xuíz nacional pola Asociación Española de Line Dance e baile Country e xuíz internacional pola World Country Dance Federation. É o actual campión mundial de Country e Line Dance, logo do campionato disputado en xaneiro de 2014 en Alemaña. O seu currículo tamén inclúe moitos máis éxitos, como os primeiros postos no Berlin Open 2012 (modalidade Open Showcase Male) ou no Linde Dance Fever (modalidade Renegade Open).
O segundo obradoiro formativo terá lugar o domingo 25 de maio. Nesta ocasión, o baile elixido será a salsa e o obradoiro será impartido por Carmen Vila, subcampioa galega de bailes latinos. Finalmente, o domingo 8 de xuño celebrarase un obradoiro de Cha cha chá, impartido por Patricia Martínez e Adrián Esperón, campións de España dos bailes 1997-2014.











