O BNG presentará unha moción para pedir a execución dos acordos plenarios incumpridos polo Goberno de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Local Portada ► Vigo ▼
A-
A+
Europa Press

O grupo municipal do BNG presentará no próximo pleno do Concello de Vigo unha moción para instar o Goberno local a que cumpra todos os acordos plenarios alcanzados, “por respecto ao funcionamento democrático e á cidadanía viguesa”.

Tal e como trasladou nunha rolda de prensa a voceiro nacionalista, Iolanda Veloso, esta moción débese a que se produce unha “falta de cumprimento” de acordos plenarios, que está a ocasionar “problemas graves” para os cidadáns de cidade.

“O normal é que todos os acordos aos que se chegue en pleno se executen, pero o alcalde tennos acostumados a non executar os acordos de forma sistemática”, denunciou a nacionalista, que acompañou esta reclamación con tres exemplos de acordos plenarios que, ata o momento, non se levaron a cabo e que o goberno “ten intención de non executar”.

Así, recordou que en xullo de 2013 o Bloque presentou unha moción — que contou cos votos a favor do BNG e o PSOE e a abstención do PP– para a elaboración dun plan anual, unha memoria e unha previsión de gastos en publicidade e comunicación, xestións que non se levaron a cabo e ámbitos sobre os que “non se vai facer esforzos por reducir gastos”, censurou.

Ademais, en setembro do pasado ano aprobouse unha moción do PP — á que se engadiu unha emenda do BNG– para instar ao Goberno local a que habilitase un local “de calidade, digno e permanente” para o programa Sereos. Non obstante, Veloso asegurou que este servizo social continúa sen un local e “nos presupostos de 2014 non aparece ningunha partida” para iso.

BONOBÚS

Finalmente, a nacionalista sinalou que en decembro de 2013 se aprobou tamén a creación dun bonobús para desempregados de longa duración e sen ingresos, proposta apoiada polo PSOE a condición “de encaixalo nos presupostos”, algo que, aseverou, o alcalde “non intentou” e sobre o que non accedeu a negociar.

“Propúxose que non fose bonobús de viaxes infinitas nin absolutamente gratuíto pero non houbo diálogo, dende o primeiro momento pechouse esta oportunidade”, manifestou Veloso, que criticou que nos presupostos deste ano tampouco se baralla dar estas axudas, “aínda que si a subvención de billetes de avión”.

21 de abril de 2014 | 13:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.