O Azkar Lugo viaxa cos deberes feitos a Gran Canaria
Quizais o partido desta xornada para moitos sería o de xogarse ou non a permanencia a principio de tempada. Pero non será así para os lucenses. Mañá venres (21:00 horas – horario insular – Centro Insular de Deportes) o Azkar Lugo mídese ao Colegios Arenas Gran Canaria dentro da 28ª xornada de liga en 1ª división, o que significa tan só tres xornadas para o final de liga. E a este partido os galegos chegan xa cos deberes feitos, coa permanencia conseguida fai dúas xornadas, o que lle dá maior tranquilidade de cara ao choque, aínda que o quererá competir como un partido máis para levarse os tres puntos en xogo.
En fronte estará un equipo que si lla xoga. Non lles queda outra que gañar ou gañar aos de Suso Méndez. E é que o Gran Canaria é último clasificado e non lle resta marxe de erro máis que de sumar os tres puntos e esperar a que Zaragoza non puntúe. Esas son as posibilidades dos canarios que se aferrarán ao seu feudo para recibir a unha escadra lucense que quere seguir asomando a cabeza a ese primeiro posto da mini-liga establecida do noveno posto para abaixo.
Para este partido os lucenses viaxan ás illas con dúas baixas por lesión, Aranburu e Cospe, mentres que o preparador dos lucenses deberá estar atento ao estado de Chano que é dúbida por unhas molestias no xeonllo.
Convocatoria:
Azkar Lugo FS: Óscar Iglesias, Diego Núñez, Cuco, Jandri, Antonio Diz, Chano, Mendiola, Iago Rodríguez, Álex Diz e Zala.
Histórico de enfrontamentos en Gran Canaria:
Vitorias Gran Canaria: 0.
Empates: 0.
Vitorias Azkar Lugo: 1.
Tempada 12/13: 5-6.











