O Azkar Lugo mídese a Xapón en apoio ao xoven lucense Saúl Cancio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLugo
A-
A+

Todo está preparado para un partido importante, aínda que non oficial de competición, si histórico porque este domingo (12:00 horas – Palacio Municipal dos Deportes de Lugo) visitará a cidade lucense a Selección Nacional de Xapón, a actual campioa de Asia, e que está dirixida polo técnico español Miguel Rodrigo. Será polo tanto un importante fito para o club e a cidade poder albergar este partido internacional do primeiro equipo do Azkar Lugo FS ante unha selección que é unha das emerxentes no fútbol sala mundial.

No aspecto meramente deportivo, os lucenses non poderán contar con xente lesionada ou que arrastra molestias e así non poderán estar Aranburu, Cospe nin Jandri. Pola súa banda a selección de Xapón chegará a Lugo tras xogar tres partidos con dúas vitorias (ante Segovia 3-4 e Brihuega 1-2) e unha derrota (ante Magna Navarra 1-0) e cunha baixa, a de Morioka por lesión, e a dúbida de Watanabe tamén por molestias físicas.

Convocatorias:

Azkar Lugo FS: Óscar Iglesias, Rubén Mouriz, Cristian, Diego Núñez, Cuco, Antonio Diz, Cabanas, Chano, Mendiola, Iago Rodríguez, Nacho, Cancio, Porto, Adrián, Álex Diz e Zala.

Selección de Xapón: Kawahara, Fujiwara, Sekiguchi, Inaba, Osodo, Sato, Hoshi, Nishitani, Watanabe, Takita, Nakamura, Minamoto, Nibuya, Yoshikawa e Uchimara.

Partido solidario

Este partido foi declarado polo club como benéfico para apoiar unha acción como é a axuda ao xoven lucense de cinco anos Saúl Cancio. Este neno sofre unha enfermidade psicomotora sen diagnóstico que non lle permite camiñar e é por iso que con todo o diñeiro recaudado coa venda de rifas, que se levan vendendo durante a semana e venderanse tamén o domingo día de partido, entregarase á súa familia para loitar contra esta enfermidade.

Ademais o pai deste neno, Javier Cancio, que é xogador do filial do Azkar Lugo, disputará algúns minutos co primeiro equipo neste partido internacional ante Xapón, seguramente unha emoción máis para o seu fillo ao ver xogar ao seu pai co primeiro equipo do club pronista. Haberá actos previos ao choque no que se entregarán diferentes detalles a Saúl Cancio e no descanso do partido sortearase o lote de merchandising do club entre todas as persoas que compraron as súas rifas.

Entrada gratuita para o partido.

4 de abril de 2014 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.