O Azkar Lugo asina o plan de patrocinio da Fundación Deporte Galego
Un total de 78 clubs de toda a comunidade galega beneficiaranse do Plan de Patrocinio de clubs de alta competición da Fundación Deporte Galego da Xunta de Galicia para esta tempada 2013/2014. Do total do orzamento (1.742.000 €), en Lugo os oito equipos que se benefician desta axuda reciben máis de 232.423 €.
O Azkar Lugo FS está incluído neste plan que na mañá de hoxe asinouse cos clubs da provincia de Lugo, acto que se desenvolveu no Edificio Multiusos da Xunta de Galicia da capital lucense e o cal estivo presidido polo Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa, o Xerente da Fundación Deporte Galego, Javier Rico, e o Xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Lugo, Manuel Otero.
Ao acto acudiron representantes dos oito clubs que asinan este plan de patrocinio e en representación do Azkar Lugo FS acudiron ao mesmo o Presidente da entidade, Manuel Vázquez, o Secretario da Xunta Directiva, Ovidio Pérez, así como os xogadores do primeiro plantel, Aranburu, Diego Núñez e Mendiola, ademais do adestrador Diego Ríos e o preparador físico, Xabi López.
Todos os equipos que asinan este plan de patrocinio teñen en común contar con equipos nas competicións de primeiro e segundo nivel das diferentes modalidades deportivas nas que a competición de máximo nivel se desenvolve na categoría absoluta en sistema de liga regular, á cal se accede por clasificación, con ascensos e descensos de categoría e cun volume de desprazamentos frecuente.
Este plan de patrocinio publicitario dos equipos de alta competición de Galicia é unha iniciativa da Fundación Deporte Galego que se desenvolve por quinto ano consecutivo. Deste xeito o Azkar Lugo FS loce un ano máis nas súas diferentes equipacións de xogo e indumentarias de adestramento, viaxes e demais soportes publicitarios, as marcas “Galicia”, “Deporte Galego” e “Galicia Saudable”.











