O Auditorio Municipal de Cedeira acollerá o concerto de Espido
O Auditorio Municipal de Cedeira acollerá este sábado, 12 de abril, o concerto de Espido, dúo integrado por Guadi Galego e Guillermo Fernández, ex componentes do grupo Berrogüetto. A súa actuación dará comezo ás 20 horas e o prezo das entradas é de catro euros. O proxecto ESPIDO supón unha caste de fusión por roce melódico-armónico de ambos músicos.
Unha mestura de creatividade que deu lugar a un traballo, como o seu nome suxire, que se ispe de abalorios: tan só unha guitarra -a de Guillermo Fernández-, unha voz -a de Guadi Galego- e algunha que outra programación dan forma a nove temas de composición propia, dúas adaptacións tradicionais e un tema de Ugia Pedreira, cantante de Marful.
As traxectorias destes dous músicos, ben coñecidas dentro -e tamén fóra- do ámbito da música popular galega, confluíron hai xa uns anos no grupo Berrogüetto. Foron con el partícipes da edición dos discos Viaxe por Urticaria (1999) e Hepta (2001), ámbolos dous calurosamente recibidos pola crítica e obxecto de varios premios e recoñecementos (entre eles o de Mellor Grupo Folk Europeo de 2000 e unha nominación aos Grammy Latinos na súa edición de 2002). E tamén de numerosas xiras por Galicia, Portugal, España, Austria, Arxentina, Dinamarca… E un fato máis de rincóns espallados polo mundo adiante. Con este ESPIDO, Guadi Galego e Guillermo Fernández consolídanse como nomes destacados e de prestixio no panorama da chamada world music, nesta ocasión cunha proposta chea de sinceridade, sinxeleza e coa única complexidade do corazón e da esencia da música feita dende Galicia e en galego.











