O armador do arrastreiro ‘Mar de Marín’ defende ao patrón
O armador do pesqueiro ‘Mar de Marín’, Francisco Freire, defendeu este mércores a profesionalidade do patrón de garda que guiaba o arrastreiro no momento en que este chocou contra un mercante e se foi a pique, e subliñou que si fixo algunha manobra “rara ou estraña, ten que haber unha explicación”.
En declaracións aos medios, Freire insistiu en que “o que non se sabe é porqué o patrón actuou como actuou”, en referencia á principal hipótese da investigación: que o pesqueiro manobrou de forma errónea e chocou contra o ‘Baltic Breeze’.
“Levaba no barco sete anos, era un home responsable, un bo patrón”, indicou á saída do cuartel da Garda Civil. Posteriormente, tras declarar na Capitanía Marítima, Francisco Freire volveu a insistir na “experiencia” e profesionalidade do patrón.
“Si nalgún momento nos parece que fixo unha manobra estraña, estou seguro de que ten que haber unha explicación, pero eu non a sei”, repetiu e pediu esperar aos resultados da investigación.
Por outra banda, confirmou que na tarde deste mércores terá lugar as honras fúnebres polos dous mariñeiros galegos falecidos no naufraxio (un veciño de Cangas e outro de Barro), e que o terceiro falecido, un home marroquí, foi embalsamado e estase tramitando a repatriación ao seu país de orixe.
INVESTIGACIÓN
Mentres, a Comisión de Investigación de Accidentes Marítimos segue solicitando información sobre o sinistro e probas materiais que, xunto coas declaracións dos superviventes, serán analizadas para esclarecer as causas do naufraxio.
A principal hipótese coa que se traballa é que a colisión entre o ‘Mar de Marín’ e o ‘Baltic Breeze’ foi froito dun erro humano por parte do patrón do pesqueiro.
Segundo transcendeu, o arrastreiro manobrou de forma errónea, desatendendo as indicacións do centro de control de tráfico marítimo do porto vigués, e chocou co mercante.
Como consecuencia do impacto, o ‘Mar de Marín’ zozobrou e só cinco dos seus dez ocupantes puideron porse a salvo. Tras rescatarse tres cadáveres, mantense o dispositivo de procura dos dous mariñeiros que permanecen desaparecidos.
Ademais, os remolcadores ‘Don Inda’ e ‘Sar Gavia’ iniciaron os preparativos para facer unha primeira inmersión na zona do afundimento cun robot e unha campá.











