O alcalde de Ourense propón unha delegación conxunta que reivindique ante as institucións o impulso dos proxectos paralizados da cidade
O alcalde de Ourense, Agustín Fernández, enviou esta mañá un escrito dirixido ao voceiro do grupo municipal do Partido Popular, Rosendo Fernández, no que o convida a colaborar na reactivación de importantes proxectos da cidade que acumulan anos sen avances significativos. O alcalde fixo referencia esta mañá ao escrito, no que se propón unha delegación conxunta integrada por representantes do goberno municipal e do grupo municipal do PP para acudir á Xunta de Galicia e a o Goberno do Estado, para demandarlles o urxente desbloqueo destes proxectos fundamentais.
Concretamente, o alcalde fai referencia aos seguintes proxectos:
-Chegada do tren de alta velocidade e construción da variante exterior.
-Construción da nova estación intermodal da Ponte.
-Construción do bulevar termal na marxe do río Miño.
-Reinicio das obras do Centro de Interpretación de Parques Naturais en Quintela.
-Amplicación da rede de centros de saúde da cidade.
Segundo matiza no escrito, “o retraso acumulado en todos estes proxectos supón un lastre extraordinario para a posta en valor da nosa cidade, ao requerir a implicación de todos e todas”. No mesmo, o alcalde tamén propón acometer un plan de choque de mellora das infrastruturas termais e desenvolver unha campaña de promoción turística de Ourense apoiada na súa oferta termal.











