O alcalde de Ferrol e a Coordinadora de Confrarías asinaron o convenio de colaboración de Semana Santa
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela; e a presidenta da Coordinadora de Confrarías da Semana Santa, María del Carmen Arcos, asinaron hoxe o convenio de colaboración da Semana Santa, evento que este ano se celebra por primeira vez coa declaración de Interese Turístico Internacional. A Administración municipal achega 70.000 euros ás confrarías de Semana Santa, cantidade que este ano se incrementa con outros 30.000 euros da Secretaría Xeral de Turismo da Xunta de Galicia para a promoción do evento.
Na súa intervención, Jose Manuel Rey Varela manifestou que “debemos seguir apostando polos elementos clave da cidade e, sobre o eixe fundamental da paixón, morte e resurrección de Jesús, a Semana Santa supón un factor fundamental de promoción de Ferrol”. Ao fío disto, o rexedor municipal subliñou que “apostar pola Semana Semana Santa, e apostar por Ferrol, por transmitir unha imaxe en positivo e por mellorar a nosa cidade; e por dicir que en Ferrol tamén temos cosas boas que son merecedoras do recoñecemento internacional”. Así mesmo, Rey Varela declarou que “hai certos temas de cidade en que non podemos nin debemos escatimar esforzos, e a Semana Santa é un deles. Incrementar a aposta pola Semana Santa como nós fixemos é apostar pola imaxe de Ferrol”, concluíu.
Pola súa banda, a responsable da Coordinadora de Confrarías agradeceu o apoio do Concello de Ferrol que, xunto co esforzo das confrarías, “permite que ano tras anos a Semana Santa siga mellorando en calidade e con máis actos culturais, exposicións ou revista oficial”. Por último, María del Carmen Arcos lembrou que mañá, ás 20.30 horas, terá lugar na concatedral de San Xiao o pregón a cargo do bispo de Ourense.











