O alcalde da Coruña lamenta o falecemento do “mestre de xornalistas” Ángel Padín Panizo
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, lamentou esta noite a morte de Ángel Padín Panizo, “xornalista, mestre de xornalistas e ilustre picassiano”, e trasladou o pésame aos fillos do falecido en nome de todos os coruñeses.
Negreira eloxiou a gran traxectoria profesional de Padín no campo da comunicación, “onde ocupou cargos de tanta relevancia como director do Ideal Galego, redactor-xefe de La Voz de Galicia ou delegado de ABC en Galicia, ademais da presidencia da Asociación da Prensa”. O alcalde lembrou que “o colofón profesional” á súa carreira foi a xefatura de prensa da Universidade da Coruña.
Negreira subliñou que o xornalista “soubo impulsar decisivamente o Picasso coruñés” desde a Asociación Pablo Ruiz Picasso da Coruña, fundada e presidida desde o seu nacemento por Padín, quen, entre outros libros, é autor de “un traballo de referencia” como Los cinco años coruñeses de Pablo Ruiz Picasso: 1891-1895.
Por último, o alcalde tamén destacou a pertenza de Ángel Padín a colectivos tan arraigados na cidade como a Real Academia Galega de Belas Artes ou a propia Asociación da Prensa, e as súas colaboracións co Instituto José Cornide ou a Cociña Económica.











