O 30 de abril remata o prazo de presentación de solicitudes para o uso das hortas municipais
Todas persoas interesadas que aínda non teñan presentada a súa solicitude Rexistro Xeral do Concello para pedir o uso dunha das hortas municipais, poden facelo ata as 14.00h do vindeiro mércores, 30 de abril.
O proxecto de hortas urbanas de Montealegre, actualmente en fase de construción, suma un total de 53 hortas, cun acceso independente ao parque. Destas, cinco delas serán destinadas a persoas con mobilidade reducida; e outras tantas serán cedidas á Universidade para levar a cabo proxectos de investigación. O espazo estará dotado dunha caseta para gardar aparellos e un aseo; así como unha toma de auga por parcela.
Mediante este proxecto, o Concello pretende fomentar aquelas accións que repercutan na mellora e benestar da cidadanía, á vez que incide na protección do medio ambiente, as prácticas medioambientais e o beneficio da saúde. Co frecuente abandono e consecuente perda dos modos de produción agrícola enraizados na nosa cultura agrícola, coas hortas municipais preténdese apostar por esa pervivencia, así como pola integración interxeracional.
Coa posta a disposición destes espazos, preténdese que a poboación adopte unha actitude activa na ocupación do seu tempo libre e de lecer, á par que se enriquecen os valores saudables e medioambientais. Trátase, en definitiva, de facilitar a intervención da cidadanía no desenvolvemento sostible, favorecendo a integración e coexistencia das culturas propias do campo e da cidade.
Entre os principais obxectivos desta iniciativa atópanse:
– Fomentar a participación cidadá, promovendo relacións e intercambios interxeracionais e interculturais a través da transmisión das tradicións rurais populares en materia agrícola.
– Establecer e valorar as relacións entre o medio natural e as actividades humanas, impulsando un maior coñecemento e respecto polo medio ambiente, dando a coñecer o uso de enerxías limpas e prácticas respectuosas co contorno.
– Promover boas prácticas ambientais de cultivos: xestión de residuos, agricultura ecolóxica, aforro de auga, recuperación de usos e costumes da agricultura tradicional, etc.
– Recuperar espazos urbanos para uso público, achegando diversidade á paisaxe do municipio e ofrecendo un espazo de lecer e actividade ás persoas.
– Favorecer a integración de colectivos desfavorecidos, ocupando o seu tempo e facilitando a creación de novas relacións e a obtención de alimentos básicos.
– Promover unha alimentación sa e hábitos saudables, proporcionando espazos que permitan realizar actividades físicas e mentais en contacto coa natureza.
As únicas condicións para o acceso ao uso das hortas son as seguintes: ser maior de idade, estar empadroado no municipio cunha antigüidade mínima dun ano, residir no Concello e estar ao corrente das obrigas fiscais e tributarias.
A duración da cesión inicial do aproveitamento será de dous anos, contados desde a adxudicación, podendo ser prorrogado por mutuo acordo por períodos sucesivos dun ano. En todo caso, a duración total da cesión non poderá ser superior a catro anos.
O sistema de adxudicación inicial das hortas realizarase mediante sorteo entre todas as solicitudes admitidas. Unha vez adxudicadas as parcelas, os solicitantes non adxudicatarios pasarán a unha listaxde de agarda segundo a orde asignada no sorteo, para os efectos en caso de renuncia ou extinción dos titulares das parcelas.
Será factible entre os usuarios o intercambio ou troco dos produtos obtidos nas parcelas, quedando prohibida a comercialización de ditos produtos, así como o arrendo da horta a terceiras persoas.
Documentación a presentar
Para presentarse na convocatoria, é necesario entregar a seguinte documentación:
– Certificado de empadroamento.
– Fotocopia compulsada do DNI.
– Fotocopia do Libro de Familia.
– Declaración xurada de compromiso de coidado e mantemento da horta.
– Certificado de estar ao corrente das obrigas tributarias.
– Declaración xurada, certificado ou informe médico onde se indique que o solicitante que vaia cultivar a horta pode realizar tarefas agrícolas sen risco para a saúde.
– Os colexios deberán achegar o certificado de acordo de petición da horta escolar, así como nomeamento dun coordinador das actividades.
– Documento que acredite xubilación, prexubilación ou estar inscrito como demandante de emprego.
– Calquera documento que estime oportuno para acreditar circunstancias especiais que xustifiquen a concesión das hortas de interese social.











