Neda inaugura as súas XII Xornadas Literarias centradas na figura de Alessandro Manzoni

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

O alcalde, Ignacio Cabezón, e o decano da Facultade de Humanidades, Manuel Recuero Astray, inaugurarán este mércores ás 20 horas, no campus de Esteiro, a XII edición das Xornadas Literarias de Neda, centradas no poeta e escritor Alessandro Manzoni, un dos referentes da literatura italiana. Ambas intervencións darán paso á primeira conferencia que, baixo o título “Alessandro Manzoni e a poética da Verdade”, correrá a cargo do profesor Giovanni Albertocchi, da UDG. A entrada é libre e gratuíta.

Xoves e venres as xornadas trasladaránse á Casa das Palmeiras. E, en ámbolos dous casos, a hora de inicio será ás oito do serán. Así, o xoves repetirá como ponente o profesor Giovanni Albertocchi, coa conferencia “Os noivos: a construción da novela histórica”. E, a continuación, José Manuel Sande, programador do CGAI e especialista en cine e literatura, falará sobre “Manzoni no cine”. Ao seu remate, está programado un coloquio, que precederá a proxección do filme “I promesi sposi”, de Mario Camerini (1941).

Na xornada do venres, e á mesma hora e co mesmo escenario, retomaránse as Xornadas da man do clube de lectura do IES Fernando Esquío e o seu particular tributo ao autor italiano: “¡Evviva Manzoni!”. De seguido, o tradutor Xavier Rodríguez Baixeras abordará “Algúns aspectos en torno á traducción galega de “Os noivos””. E, tras o pertinente coloquio co público, os asistentes poderán gozar da música italiana do século XIX da man do violinista Enrique Agrelo e do pianista Andrés Pazos.

Paralelamente á celebración das Xornadas, a Biblioteca Municipal de Neda albergará unha mostra bibliográfica baixo o título “80 autores da literatura italiana”, aberta a todo o público. Así mesmo, a Embaixada italiana dará a coñecer o país mediante unha exposición, tamén no centro de lectura, con libros, CD`s, DVD`s, guías e planos.

As Xornadas Literarias están promovidas polo Concello de Neda e a Facultade de Humanidades da Universidade da Coruña e o seu comité organizador está integrado pola concelleira de Cultura de Neda, Eva Olmo; o vicedecano de Humanidades da Universidade da Coruña, Juan Luis Montero Fenollós; a animadora sociocultural, Natividad Villaamil Abad, e o coordinador cultural de Neda, Manuel Pérez Grueiro.
Nesta ocasión, tamén contan coa inestimable colaboración da Deputación Provincial da Coruña, da Embaixada de Italia en Madrid e do Club de Lectura da Biblioteca do IES Fernando Esquío.

Por último, o Concello de Neda fai unha invitación moi especial á cidadanía para que participen deste programa cultural do máis alto nivel, achegándose de preto á figura e obra de Alessandro Manzoni.

21 de abril de 2014 | 11:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.