Nava Castro participa na Conferencia Sectorial na que se adoptaron acordos da lei de Garantía de Unidade de Mercado

Nava Castro na Conferencia Sectorial de Turismo
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro asistiu hoxe en Madrid á Conferencia Sectorial de Turismo que contou coa intervención do ministro de Industria, Enerxía e Turismo e na que se adoptaron acordos derivados da Lei 20/2013 de garantía de unidade de mercado.
Turismo de Galicia participa en diversos grupos de traballo xunto co resto de Comunidades Autónomas e xunto coa Administración Xeral do Estado na harmonización de normativas en materia de turismo. Así, estanse a iniciar os traballos nas áreas de restauración, axencias de viaxes, aloxamentos turísticos, lexislación xeral-rexistro de empresas, turismo activo e profesións turísticas.
De igual modo, adquiriuse o compromiso da posta en marcha dun sistema para o intercambio electrónico de información entre Comunidades Autónomas durante a elaboración de normas que poidan afectar á unidade de mercado.
Ao tempo, harmonízanse con esta normativa conceptos básicos como a definición de empresa turística e o rexistro e que son admitidos polas Comunidades Autónomas que subscriben o acordo en conferencia sectorial.
Así, no marco da lexislación xeral e o rexistro de empresas turísticas aceptouse un texto definitorio do concepto ‘empresa turística’ e de requisitos de rexistro e tamén, respecto aos requisitos para inscribirse no rexistro de empresas turísticas, que o título da agrupación sectorial sexa ‘rexistro turístico’.











