Música, Monólogos, Teatro Infantil e os festexos de San Lázaro nas actividades culturais desta semana en Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Varias son as actividades organizadas pola concellería de Cultura do Concello de Ourense para esta semana. O xoves día 3, o Teatro Principal acolle un novo concerto do ciclo de música Enclave de Cámara co cuarteto austríaco Vienna Clarinet Connection. Será a partir das 20.30 horas e interpretarán pezas de Johann Strauss ou Mozart entre outros, que conforman un inmenso virtuosismo, creatividade e alegría de vivir neste cuarteto que inclúe: un clarinete, tenor e un clarinente baixo.

O sábado día 5 terá lugar outro destacado concerto que recolle as mellores músicas da nosa tradición coa actuación de Camerata Boccherini co Coro da Capela Madrigalista de Ourense interpretando pezas compostas entre os séculos X e XVIII. O concerto denominado Ex umbra in solem, dende a sombra a luz, será ás 21 h na Catedral.

San Lázaro

Un ano máis celébrase os tradicionais festexos de San Lázaro que este ano coinciden co domingo día 6. A partir das 11 h terá lugar a misa na Igrexa de Santo Domingo. Posteriormente, desenvolverase unha alborada cos gaiteriros “Gomes Mouro”, e cabezudos polas rúas do Paseo, Santo Domingo e Parque de San Lázaro. En torno ás 12.30 h actuará a Banda Municipal no propio Parque de San Lázaro, para rematar coa tradicional queima de Madamitas a cargo da Pirotecnia Josman. Durante os dous días do fin da fin de semana estarán instalados os postos de lambetadas arredor do Parque de San Lázaro.

Auditorio Municipal

Por outra banda este fin de semana dous importantes artistas visitan o Auditorio Municipal

O venres será o turno do monólogo de Pablo Chiapella. Máis coñecido como Amador Rivas, pola súa personaxe nunha coñecida serie televisiva, actuará a partir das 22 h cun espectáculo cheo de historia e ocorrencias.

Xa o sábado, actuarán o artista Carlos Blanco e o debuxante Luis Dávila co espectáculo Menú do día. O éxito desta actividade fixo que se ampliara a oferta a unha segunda función, desta forma haberá dous pases que serán ás 20 h e ás 22.30 h.

Teatro Infantil

A programación infantil continúa o domingo 23 a partir das 12 h coa actuación de Gatuxo Teatro, un espectáculo músico – teatral para bebés e familia, no que a parte musical se complementa coa dramatización das cancións a través do treatro e a manipulación de obxectos. O prezo é de 3 € e hai tres pases ás 12 h, 17 h e 18 h. Venda de entradas en www.servinova.com ou desde dúas horas antes do comezo de cada actividade.

1 de abril de 2014 | 12:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.