Música, maios artísticos e espectáculo de marionetas na ‘Festa dos Maios’ de Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

A praza da Alameda de Verín será escenario mañá, 01 de maio, da tradicional celebración da ‘Festa dos Maios’, na que está prevista a realización de actividades como: exhibición dos maios tradicionais e artísticos, torneos de chave e petanca, actuación da Banda de Gaitas do Concello de Verín e o espectáculo ‘O Titiricircus’ da compañía Títeres Tanxarina.

Os maios tradicionais e artísticos estarán expostos neste recinto desde as 11 da mañá  até o mediodía. Os mesmos foron confeccionados polo IES Xesús Taboada Chivite, CEIP Amaro Refojo, CEIP Princesa de España, CPR Plurilingüe María Inmaculada, Asociación de Veciños de Albarellos e Asociación Verinense de Amigos da Música. Tamén ás 11 da horas comezará o Trofeo de Petanca e as tiradas da modalidade infantil do Trofeo de Chaves Ricardo Soto, ademais desde esa hora establecerase un posto con venda das coplas do Certame Enrique Gómez Pato (as mesmas están editadas polo Concello de Verín, e o diñeiro recadado, cada exemplar venderase a 1 euro, será para a obra asistencial na comarca da Cruz Vermella).

Xa as 12 horas está previsto o comezo das tiradas para adultos do Trofeo de Chave Ricardo Soto, así como a conmemoración do 25 do espectáculo ‘O Titiricircus’,  a cargo da compañía Tanxarina Títeres (o acto está organizado polo Concello de Verín e patrocinado en conxunto coa Consellería de Cultura a través do programa Cultura no Camiño). Este espectáculo con máis de 1.000 funcións -en festivais de referencia en América, África e Europa- está protagonizado por dous vellos traballadores (Tatán R. Cunha e Miguel Borines) dun gran circo que lembran con marionetas as glorias do seu pasado na pista. Nun permanente xogo participativo co público, van aparecendo os números máis importantes de vello circo desaparecido como o malabarista máis divertido do mundo ou o home máis forte da Península Ibérica.  Tanxarina é unha das compañías máis prestixiosas do teatro galego de títeres. Desde o ano 1983, no que se xuntaron en Redondela ex-alumnos de Harry Tozer, profesor de construción e manipulación de marionetas de fíos no Institut del Teatre de Barcelona, para realizar “Migallas e Cirigaitas”, até a súa última montaxe (“Trogloditas”, 2010), a compañía leva creados 16 espectáculos.

E desde ás 12.30 horas, saíndo da Praza do Concello, haberá un desfile da Banda de Gaitas do Concello de Verín, que dará un concerto na Alameda ás 13 horas. Ademais, durante a programación dos festexos e até primeira hora da tarde haberá na Alameda un posto de polbo (o pan é o viño serán gratuítos).

O Concello, que organiza os festexos coa colaboración de Aguas de Cabreiroá, faise cargo dos gastos dunha festa que só pervive en Verín no sur da provincia de Ourense. A Festa dos Maios recuperouna en Verín Enrique Goméz Pato a mediados da década dos cincuenta. “O Pato” -coa colaboración dos seus fillos- e despois a Asociación Cultural Os Choupos e o Movimiento Junior, foron os continuadores desta exaltación da primavera en esculturas efémeras e de crítica social dos acontecementos locais ou externos en verso rimado. Desde o primeiro quinquenio dos oitenta, a festa recibiu un impulso por parte da institución municipal, con subvencións a maios e coplas feitos por asociacións, colexios e institutos; aliciente gastronómico e actividades paralelas.

30 de abril de 2014 | 12:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.