Múltiples actividades e gran animación na XII Feira Medieval de Monforte
A décimo segunda Feira Medieval de Monforte, que se celebrará os días 19 e 20 de abril, sábado e domingo, contará con numerosas paradas e variados espectáculos de rúa.
A XII Feira Medieval acollerá a artesáns procedentes de lugares tan distantes como Ávila, Madrid, León, Cantabria, Salamanca ou Ciudad Real. Tamén acudirán artesáns de toda Galicia e da comarca de Lemos.
Admitíronse 90 solicitudes de instalación de postos de variada índole, aquelas que cumprían tódolos requisitos recollidos nas bases da convocatoria, das cales 35 corresponden a paradas de artesanía, 28 son de alimentación e 27 de comercio.
A Feira Medieval desenvolverase polas rúas do casco histórico como Pescaderías, Santo Domingo, Praza de España, Bailén, ou Porta de Zapaterías.
En canto á distribución dos diferentes postos ou paradas, destacar a concentración dos postos relacionados coa gastronomía na zona da rúa Bailén e Paza de Abastos.
A Feira Medieval encherá de actividade as rúas do casco histórico. Na praza de España instalarase un “Campamento Medieval” onde haberá unha exposición sobre armas e utensilios medievais, xogos medievais e diferentes obradoiros relacionados coa época: cota de malla, pintura sobre pergamiño, esgrima medieval…
Bufóns, trobadores, malabaristas, teatro de rúa, zancudos, cabaleiro medieval, bruxas, paseos en burro, combates, obradoiros infantís, concurso de traxes medievais, tiro con arco ou cetraría, serán algúns dos espectáculos e actividades que animarán esta cita festiva.
Como remate do primeiro día da Feira Medieval, haberá un espectáculo de lume e un desfile con fachos dende a praza de España ata o Parador para asistir á cea medieval.











