Mos oferta o programa “Tempo para Informarte” para as asociacións do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A concelleira de Participación Cidadá mosense, Kely Monzón, informou hoxe de que dende mañán  ata o 23 de abril permanecerá aberto o prazo de inscrición para o novo programa “Tempo para Informarte”.

Esta nova iniciativa formativa, complementaria ó programa “Tempos de Lecer”, ten como finalidade dotar ás asociacións veciñais e culturais do Concello de competencias formativas a través de charlas – coloquios.

Un dos fins deste programa é dar resposta ás necesidades da poboación de aumentar os coñecementos para facilitar a adaptación ás esixencias da sociedade actual e mellorar a calidade de vida dos participantes.

Os obxectivos das charlas – conferencias son fomentar o asociacionismo na vida sociocultural e comunitaria, potenciar o uso de procedementos de educación non formal e informal para o aumento ou actualización de coñecementos, facilitar ás persoas de Mos a posibilidade de ocupar o seu tempo de lecer con actividades formativas adaptadas ás súas posibilidades económicas, promover a participación social entre as persoas que máis o precisen e proporcionar alternativas de formación no seu medio máis próximo.

Dentro desta iniciativa formativa a propia asociación poderá solicitar como máximo 1 charla, ofertada dentro dun listado de charlas de diversa temática, e a duración de cada sesión abranguerá entre 1 e 3 horas dependendo da temática a tratar.

Unha mesma charla poderá ser repetida en diferentes asociacións sempre e cando sexa posible pola dispoñibilidade dos profesionais. Cada coloquio deberá contar con un mínimo de 25 persoas e un máximo establecido en proporción ó aforo das diferentes instalacións, sendo as propias asociacións as responsables de difundir a actividade e conseguir o mínimo de participantes.

“Tempo para Informarte” levarase a cabo entre os meses de maio a decembro do 2014, e a data e horario das charlas será elixido polas asociacións que o soliciten.

Este programa está dirixido a tódolos veciños/as maiores de 14 anos, empadroados no Concello de Mos ou que sexan membros dalgunha asociación inscrita neste Concello.

As asociacións interesadas terán de prazo dende mañán, ata ó 23 de abril para entregar no Rexistro do Concello  a solicitude de participación no programa “Tempo de Informarte” co nome das charlas que lles interesa e as datas e hora. O prazo de resposta por parte do Concello comunicándolle a admisión no programa e a charla concedida, será a partir do 28 de abril. Poderán participar ata un máximo de 15 asociacións de carácter vecinal ou cultural, sendo o criterio de selección, por rigorosa orden de inscrición.

Unha vez concedidos os coloquios, as asociacións poderán facer modificacións por escrito no Rexistro Xeral do Concello con antelación. Así mesmo, as asociacións admitidas entregarán o listado cos datos dos participantes de cada charla, como moito tardar, 2 semanas antes do seu comezo.

O listado entre os que se pode elixir é o seguinte: Perigos ó volante, Roubos e hurtos, O peón, Primeiros auxilios básicos, Medicina alternativa ( O parto: un pracer para a parella, descubre o teu poder persoal, cómo combater a ansiedade: remedios naturais, as flores de Bach, Nutrición eco “lóxica” e consumo responsable, Plantas medicinais e aceites esenciais para fortalecer as defensas nos cambios de estación, A osteopatía biodinámica, A nutrición deportiva, A nutrición xeriátrica, Auriculoterapia, A acunpuntura, A fitoterapia no deporte, a fitoterapia no paciente geriátrico, Qué é a naturopatía e A masaxe Shantala), Enerxía, transportes e cambio climático, Tóxicos no fogar, Medio ambiente e saúde, Medio ambiente e consumo e Aforro na cesta da compra.

 

1 de abril de 2014 | 16:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.