Mos conciencia ao alumnado do municipio sobre o maltrato animal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A concellería de Educación que dirixe a edil Kely Monzón organiza o programa de sensibilización “Animais: os nosos amigos” nos centros educativos de Mos coa colaboración da Asociación Protectora de Animais Os Biosbardos.

“Moitos animais no noso entorno sofren o abandono por parte dos seus propietarios e moitos outros conviven en fogares onde non se lles presta a atención que merecen as mascotas. Para previr e combater este tipo de actitudes é fundamental aportar a información básica sobre o que supón ter unha mascota, os coidados que debemos asumir e os beneficios que aportan os animais” declarou a edil Kely Monzón. É por este motivo que o Concello de Mos a través da súa concellería de Educación desenvolveu por terceiro ano consecutivo este proxecto educativo para a mellora da convivencia cidadá.

Un dos obxectivos marcados para este curso é concienciar ós escolares dos dereitos e deberes cidadás a través do coñecemento da realidade que lles rodea para favorecer o aprendizaxe dos valores humanos a desenvolver o respecto, interese e o compromiso co seu entorno. Coa sesión didáctica “Animais: os nosos amigos” trátase de achegar ós nosos escolares ó mundo das mascotas e a importancia que estes teñen para o desenvolvemento da vida na nosa sociedade. Outros dos obxectivos son sensibilizar ó alumnado previndo o abandono de animais, dar a coñecer a responsabilidade que supón ter unha mascota e recoñecer as funcións a desempeñar cando temos unha para cubrir as súas necesidades básicas, previr o maltrato animal, inculcar os beneficios de ter e coidar unha mascota e informar das funcións e da importante labor que desenvolven as protectoras.

Os destinatarios desta actividade foron os alumnos de 1º e 2º cursos de Educación Primaria dos centros educativos do Concello de Mos. Ademais do Colexio Peña de Francia no que se desenvolveu esta mañá a actividade, tamén participaron onte na mesma o CEIP Mestre Valverde Maio e o CEIP Mestre Martínez Alonso.

A actividade foi impartida pola Asociación Protectora de Animais Os Biosbardos, asociación sen ánimo de lucro creada en xaneiro de 2011 encargada da xestión do Refuxio de Animais Abandonados de Ponteareas. Esta asociación realiza un incansable labor de concienciación social sobre o grave problema de abandono e maltrato animal, promovendo a adopción e esterilización.

“Cada ano chegan á familia Biosbardos unha media de 200 animais, os cales son provistos das atencións básicas como a desparasitación e a esterilización, e tamén asumimos o gasto en atención veterinaria para aqueles casos máis graves” declararon os voluntarios da Protectora.

Dende a Asociación Protectora de Animais Os Biosbardos búscanse casas de acollida para que os animais non teñan que entrar no refuxio, ou calquera tipo de colaboración. Para máis información pódese visitar a súa páxina web www.protectoraosbiosbardos.org

10 de abril de 2014 | 20:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.