Mos acolle a sexta edición de ‘Arde o pazo’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioMos
A-
A+

Este sábado, 12 de abril, terá lugar a 6ª edición de “Arde o Pazo”, na que recrea a expulsión definitiva do exército de Napoleón da comarca despois da Reconquista da vila de Vigo. As representacións destes feitos históricos terán como punto culminante o incendio do Pazo dos Marqueses de Mós, provocado polos franceses na súa retirada de Tui, na madrugada do 14 de abril de 1809.

Ás 10 da mañá os marqueses de Mos inaugurarán o mercado de artesanía e produtos gastronómicos, no que se realizaran demostracións de varios oficios tradicionais: Os cereiros de Paraños estarán acompañados do alfareiro local Ricardo “Aica” e o xove ferreiro mosense David Correa. Ademais, estarán representados outros oficios tradicionais coma o latoeiro, carpinteiro-torneiro, zoqueiro e as palilleiras de  San Martiño de Tameiga. Ao mesmo tempo realizaranse un obradoiro de rosquillas e outro de encadernación e fabricación de papel para nenos.

Ao longo de todo o día, as prazas do entorno do pazo acollerán pasarrúas e actuacións de música tradicional dos grupos Treboada do Baixo Miño, Agrupación Tradicional As Pedriñas e A Nosa Terra de Pereiras.

Pola tarde contaremos co obradoiro de bailes bretóns dirixido por Suso Monteira ao ritmo da música de época interpretada por Fernando Barroso e Luis Peixoto. A compañía de títeres Viravolta animará a tódolos públicos co espectáculo “O Cego dos Monifates”.

AS RECREACIÓNS HISTÓRICAS

Ás 12:00 h. empezará a primeira das representacións coa chegada das tropas do xeneral Maucune arrasando o mercado e asaltando o pazo de Mós, facendo prisioneiros aos marqueses.

Á 13:30 h. O caudillo da Alarma de San Antoíño e o comandante da Louriña, o frade Francisco Giráldez, dirixiranse ao pobo para que fagan fronte ao invasor.

Ás 16:30 h. Os guerrilleiros da Louriña atacarán á retagarda do exército francés.

Ás 18:00 h. Os prisioneiros franceses serán aforcados despois dunha homenaxe aos heroes locais que protagonizaron aqueles días.

Os actores que interpretarán aos personaxes principais pertencen a varias asociacións mosenses (A.C. A Cividade de Louredo,  A.V.V. Chan do Bosque, C.S.C.D. As Pedriñas) e doutros concellos da comarca ( A.V.C. Casco Vello de Vigo, as Heroicas Alarmas de Pontesampaio e a Asociación de Veciños San Salvador de Torneiros), que formarán un campamento nas inmediacións do pazo.

O INCENDIO DO PAZO DE MÓS E O REMATE DA FESTA

O momento máis agardado da noite será a recreación do incendio do pazo de Mós trala fuxida do exército do Xeneral Maucune, que arrasou tódalas vilas que atopou ao seu paso. Para rematar a festa despois deste espectáculo de efectos especiais, o grupo PELEPAU ofrecerá un concerto.

10 de abril de 2014 | 20:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.