Mos abrirá no verán a súa sede da Axencia de Colocación no CDL
En decembro de 2013 o Sistema Nacional de Emprego concedíalle á concellería de Formación e Emprego mosense que dirixe o edil e tenente alcalde, Óscar Soto, a autorización para que o Centro de Desenvolvento Local do Concello de Mos, onde se ubica dito departamento municipal, actúe como sede de Axencia de Colocación.
Dita autorización administrativa se solicitara xa o 25 de outubro do pasado ano e foi concedida ó reunir Mos os requisitos establecidos para o funcionamento como Axencia de Colocación. Agora, avanzados xa os trámites pertinentes para que a axencia mosense bote a andar, o seu responsable, Óscar Soto, estima que de cara ó vindeiro mes de xuño teña as súas portas abertas ó público e estea xa a atender e asesorar usuarios.
A Axencia de Colocación mosense poderá atender a 350 persoas desempregadas, nun período de 12 meses, o equivalente a un 20% do censo de desempregados do municipio na actualidade, asegurando unha porcentaxe de inserción do 30%, equivalente a 105 persoas. A Axencia de Colocación de Mos, en colaboración con diferentes empresas, deseñará, ao longo de 12 meses, itinerarios de inserción en ámbitos profesionais.
Esta importante novidade para a administración local non supón custo para o Concello, e sí supón un novo instrumento na xestión da intermediación laboral que se agrega á que ata o momento se está desenvolvendo polo Servizo de Orientación laboral do Concello. Os usuarios terán garantizada a gratuidade pola prestación dos servizos, tanto de intermediación laboral como doutras actuacións relacionadas coa busca de emprego, nas que se entenderán incluídas en todo caso, as de orientación.
Os servizos que se prestarán a través da Axencia Local de Colocación, estarán destinados a vincular ofertas e demandas de emprego, sen que a axencia local pase a ser parte nas relacións laborais que poidan derivarse (como é no caso das ETT). Ademais desenvolveranse servizos relacionados coa busca de emprego, e colaborarán en todo momento co Servizo Público de Emprego e coas organizacións máis representativas de traballadores e empleadores.
A autorización para o Concello de Mos como Axencia de Colocación establécese por unha vixencia anual de 5 anos, que se poderá prorrogar de forma indefinida, despois da comprobación por parte dos Servizos públicos de Emprego de que se manteñen os requisitos e condicións que determinaron o seu outorgamento.
“A proposta da nosa entidade para xestionar a Axencia Local de Colocación de Mos estriba en poder garantir aos/ás demandantes de emprego do municipio un servizo personalizado de orientación, asesoramento e recualificación profesional, o que garantirá a mellora do seu grao de empregabilidade, en consecuencia, a súa inserción no mercado laboral de influencia” explicaba esta mañá Óscar Soto.
A metodoloxía de traballo apoiarase na realización de entrevistas persoais, ao obxecto de conseguir un trato individualizado entre técnico/a e as persoas usuarias do servizo. Os primeiros encontros orientaranse ao autocoñecemento persoal e á configuración dun perfil ocupacional de cada usuario/a (Clasificación Ocupacional), aspecto que entendemos crave para a configuración do Plan de Traballo con cada demandante (Plan Persoal de Emprego -Configuración de Itinerarios de Inserción).
Ademais, a atención complementarase, na maioría dos casos, con accións grupais, a xeito de dinámica de grupos, orientadas ao desenvolvemento de habilidades, destrezas e actitudes fronte ao emprego, cun amplo contido a tratar sobre a realidade do mercado laboral actual (presentaremos a realidade social, empresarial e económica que nos toca vivir, a metamorfose na que se encontra envolvida a nosa sociedade, así como facer entender o por que se están a producir estes cambios). Todo iso axudará a comprender o momento actual, a necesidade de actuar e asumir un papel activo na solución do problema, e emprender accións dirixidas a solucionar as dificultades e lograr oportunidades.
O obxectivo último da Axencia é converterse nun espazo de colaboración co empresariado local para dar respostas ás necesidades das empresas mosenses no ámbito do recrutamento e selección de Recursos Humanos e facilitar espazos destinados á formación. Para elo, está previsto que o vindeiro mes de maio o equipo de emprego do CDL mosense se dirixa ás empresas da zona para solicitar unha parte dos posibles perfís laborais que poidan precisar agora ou no futuro, así como para dar a coñecer a creación e as funcións da Axencia Local de Colocación de Mos.
Ao mesmo tempo, a través da axencia realizaranse servizos de intermediación laboral a nivel local para mellorar o desenvolvemento do mercado laboral en Mos e tratar de reducir as taxas de paro existentes.
“O compromiso mostrado co emprego como forma de traballar permítenos poñer a disposición dos diferentes actores que interveñen no mercado laboral un recurso facilitador da interacción e do axuste entre a oferta e a demanda de traballo. A posibilidade de realizar un diagnóstico social e ocupacional de cada usuario da Axencia e a identificación dos perfís profesionais do tecido produtivo local composto por un gran número de micropymes, a análise da competencia profesional das persoas atendidas e a identificación do desfase ou desaxuste (rexeito no proceso de selección) facilitará a consecución progresiva dos obxectivos establecidos, conseguindo incrementar a competitividade laboral dos usuarios do servizo, así como o grao de satisfacción de usuarios dos servizos públicos de emprego municipais, así como das propias empresas en resposta á demanda das súas necesidades de persoal”, concluía Soto, edil responsable do departamento municipal de Formación e Emprego.











