Monforte organiza un obradoiro medieval para rapaces e rapazas na Biblioteca Municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

A concellería de Educación e Cultura, dirixida por Pilar López, vén organizando na Biblioteca Municipal unha serie de actividades destinadas ós rapaces e rapazas. Baixo o epígrafe “Déixame que che conte” e entre os meses de outubro e abril, estanse desenvolvendo diversos obradoiros e conta contos para nenos e nenas.

O próximo protagonista desta actividade será a Feira Medieval. Sobre esta celebración festiva xirará a realización dun obradoiro que se levará a cabo na data na que se celebra o “Día do Neno e da Nena”, o martes día 15 de abril ás 11:30 horas na Biblioteca Municipal. Os rapaces e rapazas elaborarán pulseiras de nó con corda e coiro, así como diversos abalorios con diferentes metais. Para participar só teñen que achegarse pola Biblioteca Municipal un pouco antes do horario sinalado para o comezo da actividade.

O mércores día 23 de abril, “Día do Libro”, pecharase este ciclo de actividades para os pequenos e pequenas cunha sesión titulada “Contos e Lendas dun Trasno”. Será na Biblioteca Municipal ás 18:00 horas.

A delegación de Educación e Cultura facilitou toda a información sobre estas actividades ós centros educativos.

As actividades están organizadas polo concello de Monforte e contan co patrocinio da Área de Cultura da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo. Imaxinatia, unha empresa monfortina de recente creación, é a encargada de dirixilas.

13 de abril de 2014 | 10:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.