Moncho Fernández participa no programa “O Galego na súa Voz”
O adestrador do Rio Natura Monbus, Moncho Fernández, participou hoxe no programa “O Galego na súa Voz”, no instituto Xosé Neira Vilas da localidade coruñesa de Oleiros.
O técnico compostelán compartiu a tarde con medio centenar de alumnos do IES Xosé Neira Vilas nunha iniciativa exposta para fomentar o uso do galego, en especial no ámbito laboral.
Os obxectivos do programa “O Galego na súa Voz” son transmitir á mocidade que o galego é unha lingua útil para calquera ámbito, contar a experiencia de traballar no deporte de élite e mostrar que o galego é un idioma válido para traballar no deporte de élite e para comunicarse coa prensa e no traballo.
Fernández comentou a súa experiencia no deporte de primeiro nivel e como foi o seu proceso ata poder vivir do baloncesto, como o fai agora no banco dun equipo da liga Endesa.
Relatou o uso que fai do idioma, que cos xogadores é reducido pois mesmo algúns soamente falan inglés, pero que en público chega a ser habitual, e tamén comentou o seu anterior traballo como profesor.











