Moncho Fernández: “Os obxectivos conséguense cando se conseguen, non cando case se conseguen”
O adestrador do Rio Natura Monbus, Moncho Fernández, explicou na rolda de prensa ofrecida esta mañá no Multiusos Fontes do Sar como previa ao encontro que o equipo disputará en Málaga ante o Unicaja (sábado, 19 horas) que segundo o seu criterio o próximo rival na liga Endesa é “o equipo que mellor corre”.
O técnico compostelán xa pensa na cita no Martín Carpena, no que os seus se medirán a un conxunto que está nun momento moi bo. “É un persoal moi longo e de moita calidade que agora só compite pola liga e está centrado no obxectivo de ser cabeza de serie. O seu estado de forma está aí. Gañou ao Baskonia ou ao CAI Zaragoza con autoridade”, sinalou.
Unha das características que destacou en rolda de prensa é o “espírito de equipo” que sobresae por encima dunha infinidade de atributos que aumentan a dificultade para os xogadores do Rio Natura Monbus. “É un equipo que fai moi ben todas as cousas de intensidade e velocidade. É o que mellor rebotea da liga en taboleiro contrario e para min é o que mellor corre. Todo o que ten que ver coa dureza e a intensidade faino ben”, subliñou.
Na capital galega temen os contraataques dos homes de Joan Praza e por iso teñen claro como tentarán expor a cita para ter opcións reais de conseguir o triunfo. “Fundamentalmente sen perder balóns, aí son demoledores, si tes perdas de balón castíganas cunha bandexa ou cun triplo. Non é só tarefa do balance defensivo, o noso ataque tennos que axudar a controlar o seu contraataque”, apostilou.
En canto ao obxectivo de aquí a final de tempada, Fernández apelou a continuar cara arriba na clasificación “por prestixio” tras rozar a permanencia, que aínda non se conseguiu de forma matemática. O adestrador explicou que a motivación non baixa nun equipo de “profesionais” que saben que a afección e o club están detrás deles e merécense que sigan competindo. “Non é o mesmo finalizar nunha posición que noutra, por prestixio e tamén economicamente. Temos unha chea de razóns para seguir motivados”, subliñou o técnico compostelán. O triunfo fronte ao CB Valladolid é importante tamén a nivel de clasificación e aínda así teñen que “seguir competindo posto que a meta da permanencia non está conseguida de maneira matemática. Os obxectivos conséguense cando se conseguen, non cando case se conseguen”, argumentou o técnico que instou aos seus homes a seguir mellorando posto que cre que hai marxe.
Os adestramentos da semana estiveron marcados pola ausencia do pivote Travis Peterson de viaxe tras o nacemento da súa filla, aínda que volve mañá pola mañá e incorporarase ao resto, e a base Rafa Freire Luz con problemas físicos. “Onte adestrou un pouquiño, non está recuperado do todo pero vai chegar ao partido, cada día que pasa está mellor, vaille a levar polo menos un par de semanas recuperar a normalidade”, detallou.











