Moncho Fernández: “O que pense que o Valladolid baixará os brazos, non coñece nin aos xogadores nin ao adestrador. Vai ser un rival durísimo”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O Rio Natura Monbus recibe este domingo (20:00 horas) ao Club Baloncesto Valladolid. O rival xa sabe o que é gañar esta tempada aos pupilos de Moncho Fernández, pois os valisoletanos alzáronse co triunfo na primeira volta (77-73).

Na rolda de prensa previa ao choque, Fernández fixo referencia ao erro que comete a xente ao valorar a CB Valladolid “só polos resultados e pola súa posición na táboa. Son un equipo con moito orgullo que non se deixa ir nunca. O que pense que baixan os brazos non coñece nin aos xogadores nin ao adestrador”.

A mala noticia para o conxunto compostelán salgue unha vez máis da súa enfermaría. Rafa Luz será dúbida até última hora por problemas nun nocello que lle fixeron perderse os últimos adestramentos. Este contratempo únese ás molestias que padecen Pavel Pumprla e Mario Delas polo choque tiveron ambos durante un adestramento. A participación destes últimos parece confirmarse, mentres que a de Luz dependerá da súa evolución.

“Non penso no desquite, senón en que temos que facer o noso traballo o mellor posible”, recoñeceu Fernández. Para iso, o técnico de Pontepedriña volveu facer fincapé en “a importancia dos pequenos detalles. Mellorar nos bloqueos, reducir ao mínimo as perdas de balón… Desde o momento en que os controlas, vas ter moitas máis opcións”. En fronte, un equipo que pouco ten que ver co da primeira volta.

Para este partido, os prezos das entradas son de 35 euros en Tribuna Retráctil, 29 euros en Tribunas 1, 25 euros en Tribunas 2 e 19 euros en Fondos. O club ofrece prezos reducidos para abonados, accionistas, menores de 18 ou estudantes menores de 26, deportistas federados, parados de longa duración ou maiores de 65 anos de 25 euros en Tribunas 1, 19 euros en Tribunas 2 e15 euros Fondos.

As entradas pódense adquirir, como sempre, durante as 24 horas do día mediante a páxina web do club (www.obradoirocab.com). Tamén están á venda na “Miudiño Store” de Área Central (local de Blusens), hoxe sábado en horario de 17.00 a 22.00 horas, ou en despacho de billetes o día do partido desde unha hora e media antes de que de comezo o encontro. 

 

19 de abril de 2014 | 12:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.