Moncho Fernández: “Debemos minimizar as virtudes do Barcelona”
O adestrador do Rio Natura Monbus, Moncho Fernández, asegurou hoxe na rolda de prensa previa ao partido que o Rio Natura Monbus disputará este sábado no Palau Blaugrana (18.00 horas, E3, TVG2, OA), que a formulación ante o Barcelona debe pasar por “minimizar as súas virtudes”.
O conxunto compostelán poderá contar con doce xogadores por primeira vez despois de varias xornadas con problemas de lesións. O técnico compostelán, sobre o rival, cre que “está nun gran momento desde hai tempo, pois aínda que de forma recente perdeu un par de citas nas que non se xogaba nada a nivel de posición, chega ao realmente importante nun estado de forma moi bo”, declarou.
“Son catorce xogadores que poden combinar cando queren. Teñen moitísima calidade, temos que afrontar o partido como un todo, sen pensar en quen vai estar e minimizando, dentro das nosas posibilidades, as súas virtudes”, destacou. “Como colectivo son un equipo que ten un despregamento ofensivo altísimo. Expoñen unha cantidade de situacións que son imposibles de controlar. Tes que afrontalo desde o punto de vista global”, engadiu.
Na súa opinión, ante o Barcelona é fundamental levar ao máximo o nivel de acerto, algo que non sucedeu nos últimos partidos. “Necesitamos ter un pouquiño máis de acerto no que ten que ver co talento. A nosa bagaxe ofensiva reséntese nas últimas xornadas e necesitamos mellorar nesas accións francas que creamos e nas que non estamos a ser capaces de anotar”, sinalou.
Agora que se poden dar descansos e realizan máis rotacións o equipo mellora e chega con outra cara a cada partido, polo que o técnico espera que pronto cambie a mala dinámica de resultados. “O que temos é que seguir tendo un bo nivel de adestramentos e seguir crecendo como equipo. Desde hai un mes non temos máis que problemas e hai cousas que fan que esteamos nunha montaña rusa constante”, concluíu.











