Mellora nos arrastres e na calidade das augas coa canalización do regato da Tripeira, en Vilagarcía
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas salientou a coordinación entre o Ministerio de Fomento, o Concello de Vilagarcía de Arousa e a Xunta para solucionar os problemas de vertido de augas fecais do regato da Tripeira que afectan á Ría de Arousa. Así o puxo de manifesto o director de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, esta mañá durante a súa intervención na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo.
A intervención era necesaria, como se demostrou nos sucesos acontecidos en novembro de 2010, cando o río da Tripeira, que ía canalizado subterráneo, ata o fin do peirao do Ramal, rompe a altura onde comeza o areal da praia da Concha, vertendo as súas augas cara a praia e producindo en menos de tres meses uns arrastres de area de 3.000 m³.
Destacou que trala execución das obras constatáronse efectos beneficiosos tanto na calidade microbiolóxica das augas como en canto á afección do regato aos bancos en momentos de fortes chuvias. De feito, a situación anterior caracterizábase pola produción de desbordamentos, arrastres e danos con choivas de intensidade habitual. Tras a execución desta obra, só se produciron algúns danos cunha intensidade de choiva excepcional. En canto á calidade microbiolóxica, a situación ambiental mellorou substancialmente, xa que se realizou unha importante labor de separación entre as augas pluviais e fecais das augas que se aportaban ao regato.
Actuación da Xunta
O director de Augas de Galicia lembrou que, a maiores das obras executadas polo ADIF, a Xunta tomou parte na solución desta situación, polo que levou a cabo na rúa Rivero de Aguilar unha remodelación das conexións e interconexións que existían entre as redes de saneamento fecais e pluviais polas que discorre o regato da Tripeira, no Concello de Vilagarcía, o que permitiu a erradicación de vertidos fecais ás augas da ría de Arousa.
Aclarou que “se ben foi unha obra pequena en canto á súa magnitude, resultou grande en canto á súa efectividade”. Esta actuación identificouse grazas ao Plan de Saneamento Local do concello de Vilagarcía, que propuxo a resolución dunha incidencia na rede de saneamento que provocaba vertidos ao regato canalizado.
Plan de saneamento local
A Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, leva tempo traballando no Plan de Saneamento Local da marxe esquerda da ría de Arousa. En concreto, para Catoira e Vilagarcía investiuse 678.500 euro, de modo que a partir de agora se realicen actuacións que realmente teñan sentido e resolvan os problemas de saneamento identificados na elaboración do Plan.
Os traballos para poder diagnosticar a situación actual supuxeron un grande esforzo de traballo de campo e investigación. Na rede de saneamento inventariáronse un por un todos os elementos da rede de saneamento, incluíndo 3.372 Pozos de rexistro, 227,75 Km de conducións de saneamento, 51 bombeos e, por suposto, a estación depuradora de augas residuais.
As solucións que Augas de Galicia está a por en marcha permiten establecer a seguinte programación:
– 6,7 millóns de euros para as grandes obras, que consisten na renovación do colector da marxe esquerda do río Con, do colector da avenida da Mariña e de Castor Sánchez, un tanque de retención na zona da praza de abastos e a ampliación do pretratamento da depuradora.
– 2,8 millóns de euros para solucionar problemas de menor dimensión nas diferentes zonas de Vilagarcía.











