Marín acollerá o Campionato de España de Clubs de Baloncesto Júnior Masculino

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesMarín
A-
A+

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou hoxe no sorteo do Campionato de España de Clubs de Baloncesto Júnior Masculino 2014 que se disputará en Marín do 4 ao 10 de maio.

Lete Lasa felicitou ao Concello de Marín por lograr que “a Federación Española de Baloncesto elixise esta localidade pontevedresa por segundo ano consecutivo, un feito novo na historia deste torneo, e ao que sen dúbida contribuíu a boa organización do pasado ano”.

Así mesmo, lembrou que a proba se enmarca no Plan de actividades de promoción en Galicia da Copa do Mundo de Baloncesto FIBA 2014 que se celebra este verán en España. O plan conta co apoio das federacións española e galega e da Xunta de Galicia, e ademais permitirá traer a Marín unha concentración da selección U16M do 27 de xullo ao 19 de agosto.

“É lóxico que Marín se ofrecera de novo como sede do campionato”, engadiu o titular de Deportes da Xunta, “ao tratarse dun torneo que nos últimos anos incrementou o seu número de participantes, ao mover 32 equipos de todas as comunidades autónomas, polo que estamos a falar duns 400 xogadores e de varios miles de persoas que se trasladan con eles para gozar deste espectáculo do deporte base nacional”, co que isto supón para o fomento do baloncesto e a práctica deportiva na localidade, así como para a súa dinamización económica.

No Campionato de España Júnior participarán 32 equipos de toda España, 3 dos cales son galegos: Estudiantes Lugo, CB Marín Peixe Galego e Instituto Rosalía de Santiago. A primeira fase da competición desenvólvese nas tres primeiras xornadas do torneo, nas que os equipos, divididos en 8 grupos de 4, dispútanse unha liga a unha volta. Na segunda fase, os dous primeiros de cada grupo clasifícanse para oitavos de final, ao que seguirán en sucesivas xornadas os cuartos, as semifinais e a final, así como os partidos para disputar os postos 5º a 8º (os perdedores de cuartos) e o 3º e 4º posto (os perdedores de semifinais).

Este ano, Galicia convértese en sede da metade dos Campionatos de España de Clubs, xa que, ademais do torneo de Marín, a nosa Comunidade acollerá os dous campionatos infantís masculino e feminino 2014, que se celebrarán respectivamente en Cambados e Pontevedra do 15 a 21 de xuño.

22 de abril de 2014 | 12:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.