Mañá finaliza o prazo para participar no V Concurso de Viñetas para a Igualdade
O próximo martes día 8 rematará o prazo de presentación de traballos para participar no V Concurso de Viñetas que convoca a Deputación da Coruña e que este ano leva por título “Dá igual? Igual non dá”.
O certame, cuxas bases poden consultarse no BOP do día 7 de marzo, foi convocado con motivo da conmemoración do Día da Muller co obxectivo de empregar a viñeta para a concienciación do alumnado na necesidade de cambiar os valores e modelos para conseguir a igualdade de xénero real.
Así, poderán participar no concurso todas as persoas de entre 12 e 18 anos que o consideren e tanto de forma individual como en grupo. Dende a institución provincial preténdese así facer reflexionar á mocidade, xa que é o motor do cambio no futuro.
A viñeta ou tira de viñetas (ata un máximo de seis) terán que presentarse xunto co resto da documentación no Rexistro Xeral da Deputación antes do próximo martes día 8 de abril. A concesión do premio decidirase antes do 28 abril e entre o xurado haberá unha persoa de recoñecido prestixio no eido do deseño gráfico.
En canto aos premios, seleccionarase a tres finalistas. Os tres serán obsequiados cunha tableta electrónica e unha colección de cómics.











