Máis de 800 persoas participaron nas actividades de Nocturnia desde o mes de marzo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da área de Mocidade que dirixe Francisco Mourelo, informa de que, tras a Semana Santa, Nocturnia regresa con máis actividades para os fins de semana. O programa de lecer alternativo da Concellaría de Educación, Deportes e Mocidade alcanza o ecuador desta edición na que xa participaron máis de 800 persoas nas actividades propostas durante os meses de marzo e abril.

Durante os días 25 e 26 de abril, os mozos coruñeses poderán inscribirse en actividades de lecer alternativo que van desde piragüismo para principiantes, que dinamizará a Sociedade Deportiva As Xubias; un taller de caracterización teatral con Yolanda Paz; pilates e bailes latinos con Álex Casar; e unha ruta fotográfica da man de Mariola Mourelo; a un taller formativo para futuros DJ´s con Rec Label. Ademais, o sábado pola tarde terán lugar unhas xornadas de xogo de taboleiro, no Espazo de Iniciativas Xuvenís, da man da Asociación Xuvenil Draco, onde en cada edición conseguen reunir a máis de 100 persoas. A inscrición para as actividades pódese realizar a través da web www.coruna.es/nex do 20 ao 24 de abril de 2014.

LOCAIS DE ENSAIO

Que é o máis importante nunha banda? Como se relacionan os grupos co mercado musical (selos, prensa, salas de concertos ou festivais)? Tomando estas preguntas como punto de partida, os Locais de Ensaio da Concellaría de Educación, Deportes e Mocidade, dentro do seu programa de formación complementaria para músicos novos, ofertan unha acción formativa coas que poder orientar e asesorar aos grupos noveis sobre estas e outras dúbidas que poidan exporse. Tomi Legido, responsable de programación da sala de concertos Mardi Grass da Coruña e socio da produtora 10d10, será o responsable desta sesión formativa que se desenvolverá o 26 de abril, ás 11.00 horas, na sala de prensa do Coliseum.

A inscrición a este taller formativo e toda a información detallada do mesmo pode atopase en www.locaisdensaio.blogspot.com. A inscrición permanecerá aberta até o 25 de abril ás 21.00 horas.

23 de abril de 2014 | 11:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.