Máis de 5.000 visitantes pasaron pola XIX Feira da plantación de San Sadurniño
O Concello de San Sadurniño agardaba que a Feira da plantación deste ano volvese repetir o éxito de anteriores edicións. Pero co que non contaba é con superar amplamente o número de visitantes da feira de 2013, que xa fora unha das máis concorridas, por non dicir a que máis. Nesta ocasión contáronse, como mínimo, 5.000 persoas. Unha cifra que confirma a boa saúde do evento tras case dúas décadas de celebración ininterrompida e que lle dá azos ao Concello para continuar organizándoo.
O cálculo das 5.000 persoas non é algo que se faga a ollo, senón que está avalado polo número de plantas que se repartiron como agasallo. O Concello encargara 5.000 pés e a iso das 14.30 horas acabounos todos. Houbo quen foi á feira e non quixo o agasallo e tamén houbo que chegou despois desa hora e quedou sen el. De aí que se fale de “máis de 5.000 persoas” sen medo a estar dando un número equivocado.
O Concello non lle atopou aínda explicación a este importante repunte do número de visitas. A economía da comarca non parece que estea para botar foguetes e o día tampouco convidaba moito a saír da casa. Porén, entre as 11 e as 12.30h. na carpa da Feira da plantación case non se daba andado e víase que había “movemento”, sobre todo nos postos de flor e planta. Ao peche da feira algúns expositores expresaron a súa satisfacción polo elevado número de ventas que fixeran.
Os postos de fóra -os de alimentación situados ao aire libre nun dos laterais da carpa- non marcharon tan contentos e algún deles mesmo expresou o seu malestar pola distribución do espazo. A este respecto desde o Concello indícase que de cara a próximas edicións se reordenará a superficie para tentar garantir que todos os postos gocen das mesmas oportunidades de negocio.
Planta, sorteos, obradoiros e fondos para unha ópera
De todo o que había na feira, sen dúbida foron a planta e o produto verde da horta os que tiveron máis saída. Pero había máis cousas e un dos principais atractivos foron os dous sorteos de lotes con produtos doados polos expositores ou os obradoiros para os máis pequenos organizados tanto polo Concello -un de cerámica e outro de decoración con plana do maínzo- como pola Asociación Galega de Apicultura, no que os cativos aprendían a facer andeas con cera das abellas.
Un dos postos que máis chamou a atención foi o dos nenos e nenas de 5º de primaria do CPI. Vendían xabóns aromáticos feitos por eles con aceites reciclados e tamén pequenas plantas doadas por Vivergal -unha das colaboradoras xunto coa Deputación da Feira da plantación- para axudar a financiar o proxecto Pegadas Musicais.
Trátase dunha idea pioneira en Galicia que combina a aprendizaxe e a música por medio da produción dunha ópera. Os nenos e nenas encárganse de todo: escenografía, iluminación, maquillaxe, guión, composición musical, interpretación… o mesmo que calquera compañía operística ou musical.
A obra na que levan traballando todo o curso titúlase “Segredo no faro” e estrearase o próximo 7 de xuño na Casa da Cultura de San Sadurniño e catro días despois no Teatro Jofre de Ferrol. De momento o gabinete de relacións públicas non deu máis datos sobre o argumento e só se sabe que, obviamente, a historia discorre nun faro. O seguemento do proxecto pode facerse a través do blog pegadasmusicais.blogspot.com.es.
Por outra banda, o alumnado do CPI mostrou no centro durante toda a mañá distintas experiencias científicas. Explicaron como producir biodiesel a partir de aceite reciclado, mostraron robots autónomos programados por eles e mesmo ensinaron a facer xabóns aromáticos coma os que os seus compañeiros e compañeiras vendían na feira.
Co gallo da Feira da plantación tamén se achegou a San Sadurniño a campaña institucional da Xunta e Sogama “Separemos ben, reciclaremos mellor”, na que varios monitores e monitoras proporcionaron información sobre como facer unha correcta separación do lixo en orixe.











