Máis de 400 cativos participarán no II Día do Pequebasket en Carballo, que contará con Fernando Romay
Ata 42 equipos con 400 nenos e nenas de toda Galicia, 110 partidos en formato 4×4 e sete canchas de mini basket. Estas son algunhas das cifras que definen o II Día do Pequebasket que se celebra o sábado 17 de maio no Pavillón Carballo Calero de Carballo. Trátase dunha cita nacida o ano pasado e que nesta a súa segunda andaina non deixa de medrar, incrementando a participación, superándose amplamente os inscritos e inscritas en 2013. Trátase de nenos e e nenas de entre 5 e 8 anos que van tamén vivir unha xornada lúdica na que haberá inchables, coches a pedais, xogos e outras moitas atraccións ademais do baloncesto. Así o explica Arturo Ferraces, director deportivo de Escola Basket Xiria, organizadora da cita xunto co Concello de Carballo, a Deputación da Coruña e a Federación Galega de Baloncesto. Ademais de contar cun novo logo, a cita adquire este ano unha nova dimensión ao estar incluída dentro das actividades “Galicia 2014, Imos pola Copa”, enmarcadas dentro da celebración da Copa do Mungo FIBA 2014. Así mesmo, está confirmada a presenza de Fernando Romay, ex xogador do Real Madrid e da Selección Española de Baloncesto, que vén a promocionar tamén a Copa do Mundo e a gozar cos rapaces e rapazas das actividades desta divertida xornada para toda a familia. Diego Vázquez, Presidente de Escola Basket Xiria, quixo lembrar durante a presentación da iniciativa que xa hai “cinco anos que se nos dou por organizar unha actividade para os máis pequeniños” como unha forma de conectalos co deporte dun xeito lúdico, afastándose das normativas e dos estritos métodos de adestramento. Para esta segunda edición, xa hai seis meses que a organización comezou a traballar co obxectivo de que a cita siga medrando. O Vicepresidente 2º da Federación Galega de Baloncesto (Fegaba), José Manuel Villamarín, quixo subliñar o éxito da primeira cita e cualificou o proxecto como “moi ilusionante”, polo que agradeceu á organización que se decida a crear este tipo de actividades. Dende o Concello de Carballo, o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, e o de Deporte, Marcos Trigo, quixeron resaltar a importancia desta xornada. Segundo Regueira “para Carballo como marca turística este é xusto un dos eventos que buscamos, cun turismo san e familiar” e que contribúe a que o municipio sexa “unha referencia”. Trigo quixo transmitir os seus parabéns á Escola Basket Xiria por crear unha cita tan singular “que incluso transcende o deportivo”.
Pecharon o acto a Vicepresidenta da Deputación da Coruña, Mariel Padín; e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. A primeira salientou que a cita se ten convertido “nunha referencia para outros puntos de fóra da provincia” que “implica ás familias e as fai partícipes do deporte” con clubs chegados de toda Galicia. Para Ferrero, Escola Basket Xiria “ten unha capacidade organizativa máis que demostrada para que a cita sexa un novo éxito” e tivo unha mención especial para Fernando Romay, que de seguro contribuirá ao bo desenvolvemento da xornada.











