Máis de 31.000 persoas participarán no proceso electoral para elixir o próximo reitor da USC

Europa Press

Un total de 31.352 persoas están chamadas a participar este venres no proceso electoral para escoller o novo reitor da Universidade de Santiago entre os catedráticos Juan Viaño e Antonio López, únicas candidaturas presentadas para suceder a Juan Casares Long.

Tras un xoves de reflexión sobre as propostas e compromisos que de ambos os dous candidatos para atallar os problemas da universidade, a comunidade educativa poderá emitir o seu voto entre as 10.30 e as 18.30 horas deste venres nas máis de 50 mesas electorais distribuídas polas facultades.

O censo estará composto entre 1.554 votantes do sector do profesorado doutor con vinculación permanente, 1.458 persoas das restantes categorías de PDI, 26.028 do alumnado e outras 1.312 de Persoal de Administración e Servizos (PAS).

Segundo indica a modificación do Regulamento Electoral Xeral da USC, a ponderación do voto nas eleccións determínase en función de cada un dos catro sectores. En concreto, o profesorado doutor con vinculación permanente representa o 51%, o resto de categorías PDI o 11%, o alumnado o 28% e o persoal de Administración e Servizos o 10%.

Fontes da USC indican que, tras concluír o escrutinio, os datos da xornada electoral se coñecerían “en torno ás 22.00 horas” e o sábado se produciría a proclamación provisional do reitor electo. De ser necesaria unha segunda volta, a campaña electoral prolongaríase ata o 10 de maio de cara a unha segunda votación o día 12 dese mesmo mes.

CAMPAÑA “MOI INTENSA”

En declaracións, ambos os dous candidatos trasladaron a súa satisfacción tras unha campaña “moi intensa” na que puideron coñecer en profundidade as inquietudes dos diferentes colectivos que compoñen a comunidade universitaria.

O candidato Juan Viaño sinalou que os contactos que mantivo estas semanas lle permitiron “confirmar” a “preocupación” e a “desmotivación” que existe na USC, que está a vivir unha “etapa difícil”, pero tamén que existen “moitas ganas de arrimar o ombro a un novo equipo, un novo reitor, que poida sacala adiante”.

Nesta liña, o catedrático Antonio López destacou unha campaña “moi positiva” e “moi enriquecedora para achegarse á realidade de cada colectivo”, e mostrouse “moi satisfeito” do que formularon “como equipo e programa” á comunidade educativa. “Agora a esperar o veredicto de mañá”, concluíu.

Juan Viaño emitirá o seu voto ás 11.00 horas na mesa situada na sala de xuntas da Facultade de Matemáticas, situada no Campus Vida mentres que López o fará ás 12.30 horas na Facultade de Dereito.

24 de abril de 2014 | 20:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.