Máis de 260 persoas beneficiáronse do programa de inserción sociolaboral “Ourense Inserta”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Dende que o Concello de Ourense puxo en marcha o programa da Concellería de Facenda e Emprego “Ourense Inserta”, no ano 2012, 270 persoas, maioritariamente mulleres con cargas familiares, desempregadas de longa duración, recibiron formación cualificada e específica. “Ourense inserta” é proxecto de inserción sociolaboral que ten coma obxectivo prioritario artellar un sistema que permita favorecer o acceso a  un posto de traballo a a quelas persoas pertencentes aos colectivos máis vulnerables e con maiores dificultades de inserción laboral mediante procesos de formación especializada en 3 eidos: dependencia, medio natural e hostalería.

Actualmente, 57 persoas están a participar en cursos formativos que contan con certificado de profesionalidade de nivel 2 que son apoiadas e avaliadas por persoal cualificado en programas específicos de formación en sectores estratéxico para a cidade en materia de emprego.

Itinerarios integrados de inserción sociolaboral

O proxecto prevé o desenvolvemento de itinerarios integrados de inserción sociolaboral, entendidos como un conxunto de actuacións dirixidas a favorecer o acceso a un posto de traballo de demandantes de emprego, con accións de formación específica, práctica en empresas e orientación laboral. Tódolos cursos inclúen contidos transversais en materia de igualdade de oportunidades, novas tecnoloxías, sensibilización medioambiental, fomento da non discriminación e loita contra a exclusión social. As accións formativas teñen unha duración de entre 300 e 600 horas, incluíndo titorías individualizadas ou grupais e acompañamento e orientación laboral durante todo o proceso .

Os obxectivos de “Ourense inserta” son fomentar a creación de emprego na cidade, impulsar o autoemprego e a capacidade emprendedora, elevar os niveis de cualificación de persoas desempregadas, ao tempo que potenciar o diálogo entre axentes sociais, económicos e políticos da cidade para coordinar actuacións e aunar esforzos, a través do Pacto Local polo Emprego.

Este programa que ofrece o Concello  está cofinanciado polo Fondo Social Europeo, por medio do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, cun orzamento total de 1.387.953,93 €.

Certificación dos itinerarios de formación

12 dos itinerarios formativos foron acreditados con certificados de profesionalidade gracias á suscripción dun convenio entre o Concello e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar, en agosto do ano 2012 para que os alumnos e alumnas que participan nos cursos impartidos pola Concellería de Emprego do Concello e que finalicen o programa cunha avaliación positiva en tódolos módulos formativos, poidan acceder á expedición dun certificado académico.

O obxectivo do Concello é proporcionar ás persoas que participan no proxecto unha cualificación profesional que lles permita acceder con mellores condicións ao mercado laboral.

23 de abril de 2014 | 16:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.