Máis de 250 inscritos participarán na II Carreira Pedestre de Oroso o sábado 26 de abril
O Concello de Oroso xa ten todo a punto para acoller a II Carreira Pedestre Oroso 2014, que terá lugar a partir das 17:30 horas do sábado 26 de abril organizada polo Concello de Oroso e controlada polo Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo, delegación de Santiago de Compostela. Unha carreira pedestre poderán participar todas as persoas que o desexen, con ou sen licenza federativa, que poderán formalizar as súas inscricións ata as 22:00 horas do mércores 23 de abril na páxina web do concello (www.concellooroso.com) ou da Federación de Atletismo (www.fgatletismo.es/santiago ou www.atletismo.org).
As inscricións nas categorías escolares son totalmente gratuítas, mentres que na proba absoluta a cota de inscrición é de 4 euros. A día de hoxe, xa están anotados 259 atletas, polo que o Concello de Oroso agarda repetir o éxito da primeira edición, na que se superaron os 700 participantes, xa que nos distintos foros do sector se destacou tanto a gran organización e boa coordinación da proba como o seu percorrido ameno e pintoresco. Un percorrido de 9,5 quilómetros que discorre pola zona urbana de Sigüeiro e que despois percorre as distintas parroquias orosáns.
Probas e categorías
A II Carreira Pedestre “Concello de Oroso” disputarase a partir de 17:30 horas do sábado 26 de abril e inclúe un total de cinco probas, con distancias adaptadas ás catorce categorías establecidas, unha máis co ano pasado xa que se engade a categoría “Pitufo”, para nados en 2009 e posteriores. Todas elas terán saída e chegada na rúa Camiño Inglés de Sigüeiro (a carón da Casa do Concello) e o circuíto correspondente a cada proba estará debidamente sinalizado.
Ás 17:30 horas tomarán a saída os participantes na proba absoluta, que percorrerán unha distancia de 9,5 quilómetros. Dentro da proba absoluta establécense sete categorías: júnior, sénior e cinco categorías de veteranos. Unha hora despois, ás 18:30 horas, terá lugar a proba dos “Pitufos” sobre unha distancia de 300 metros pola rúa Camiño Inglés de Sigüeiro. Ás 18:45 horas, os prebenxamíns (nados en 2007 e 2008) farán o mesmo percorrido.
Ás 18:50 horas será a quenda dos benxamíns (nados en 2005-2006), que darán unha volta ao circuíto urbano de Sigüeiro (1 quilómetro). Dez minutos despois (19:00 horas) sairán os alevíns (2003-2004) e ás 19:15 horas sairán os infantís (2001-2002). Ambos darán dúas voltas ao circuíto urbano (2 quilómetros). Pecharán a carreira os cadetes (1999-2000), ás 19:30 horas, e os xuvenís (1997-1998) ás 19:45 horas, percorrendo un total de 3 quilómetros.
A entrega de premios terá lugar ás 20:30 horas. O Concello de Oroso entregará un total de 63 trofeos, xa que serán premiados os 3 primeiros clasificados de cada unha das categorías, para homes e para mulleres. Os premios non serán acumulativos e nas categorías prebenxamín e pitufo non haberá entrega de trofeos, xa que todos os participantes recibirán unha medalla.
O Concello de Oroso porá a disposición dos participantes un punto medio de avituallamento onde se repartirán augas e ao remate da proba regalarase unha bolsa zapatilleiro, froita e refrescos a todos/as os participantes que cheguen á meta











