Máis de 25.000 persoas visitaron a exposición interactiva sobre a Torre de Hércules no Miradoiro de San Pedro
Un total de 25.084 persoas, das cales 1.679 foron nenos, visitaron durante 2013 na sala de exposicións do Miradoiro do Monte de San Pedro a exposición Historias da Torre, a mostra interactiva que aborda a historia e a mitoloxía do monumento a través de módulos e contidos dixitais de última xeración.
A exposición, inaugurada en outubro de 2012 e de carácter totalmente gratuíto, recibiu ao longo do pasado ano unha media de 2.000 visitantes ao mes, aínda que foron a Semana Santa e o período estival as épocas con maior afluencia de público. Así, no mes de agosto superáronse todas as previsións cun total de 5.738 persoas.
Financiada integramente con fondos do Ministerio de Cultura, a mostra sobre a Torre de Hércules divídese en sete bloques en cada un dos cales se abordan diferentes aspectos do monumento Patrimonio da Humanidade, entre eles, a escultura de Hércules como testemuña da época, a vertente mitológica do monumento e unha sección sobre faros e fareros.
Os elementos tecnolóxicos e intelixentes -acordes cos obxectivos dunha cidade Smart City- son tamén protagonistas da mostra, xa que todos os contidos convidan ao visitante a interactuar utilizando diferentes ferramentas tecnolóxicas e de última xeración, desde aplicacións de geoposicionamiento mediante ipads e smartphones até visitas virtuais cos seus propios dispositivos móbiles











