Máis de 2.000 persoas participarán nas actividades matemáticas de Agapema na Coruña
O concelleiro de Educación, Francisco Mourelo, acompañado polos membros de Agapema Enrique da Torre e Cristina Naya, presentou esta mañá a VIII Feira Matemática, que terá lugar en Palexco o sábado, 26 de abril, organizada pola Asociación Galega de Profesorado de Educación Matemática, en colaboración co Concello da Coruña.
“Trátase dunha xornada festiva para divulgar e achegar o ensino e a aprendizaxe das matemáticas a través da interacción social, lúdica e participativa entre nenas e nenos de todas as idades e os maiores, co fin de resolver problemas matemáticos dunha forma divertida”, explicou Mourelo.
O concelleiro explicou que esta acción educativa, establecida no marco de Coruña Educa, está dirixida a todo o alumnado desde educación Infantil até a Universidade, así como ao profesorado e ao público en xeral. “Por segundo ano consecutivo, participarán a gran maioría dos 728 escolares de 3 a 7 anos do Programa de Lecer Educativo municipal. Estes alumnos presentarán e explicarán ao público os xogos e as creacións que están a realizar cos seus educadores no Taller de Matemáticas Recreativas e Pequeciencia que se realizan en 22 centros de educación Infantil e Primaria da cidade”, destacou Francisco Mourelo.
Cada unha das 35 entidades que participan na Feira Matemática, entre as que se atopan 15 centros educativos, contarán cunha caseta para mostrar todas as súas experiencias de aula, xogos, exposicións, puzzles e outras actividades relacionadas coas matemáticas.
Para participar nas diferentes actividades programadas os visitantes recibirán Agapemos, a moeda oficial da feira, o que permite adquirir libros, agasallos e xogos. Ao longo da xornada tamén haberá momentos dedicados á exhibición de habilidades na resolución de cubos de Rubik, concurso de sudokus, conferencias sobre matemáticas e computación, unha exposición sobre o número pi e unha mostra de antigos computadores e materiais informáticos cedidos pola Universidade da Coruña.
A Feira Matemática, que coincide coa celebración do Día Escolar das Matemáticas -que este ano está dedicado ao tema Matemáticas e Computación-comezará ás 11.00 horas e finalizará ás 19.00. A entrada é gratuíta e a inscrición poderase facer por medio da ficha específica dispoñible na web www.agapema.org.
XIV Rebumbio Matemático
Francisco Mourelo lembrou que, ademais, o Fórum Metropolitano acolle mañá as fases de zona da XIV edición do Rebumbio Matemático que tamén organiza AGAPEMA co Concello. A iniciativa, formada por equipos compostos por tres escolares de 6º de Primaria matriculados en centros educativos de Galicia, realízase no marco do programa educativo municipal Coruña Educa alcanzando un enorme éxito entre alumnos e profesores.
As fases desenvolveranse nas zonas da Coruña, Santiago, Lugo, Pontevedra e Vigo. En total participan 33 centros educativos de toda Galicia, 65 equipos e 235 escolares cos seus respectivos profesores á fronte de cada equipo. Na fase que se desenvolve na cidade batéronse records de participación con 12 centros, 25 equipos e 115 escolares participantes de 10 e 11 anos, case a metade dos que participan en Galicia.
Esta fase realizarase no Fórum Metropolitano e constará de seis actividades variadas, entre as 11.00 e as 13.00 horas, comezando coa apertura de sóbrelos cos problemas matemáticos a resolver que será simultánea no catro zonas de Galicia.
Os nomes dos equipos finalistas comunicaranse o día 8 de maio en http://www.agapema.org e na web educativa da Concellaría de Educación, www.edu.coruna.es. Os finalistas enfrontaranse na final galega que se celebrará o 23 de maio no Fórum Metropolitano.











