Máis de 100 persoas participan no operativo de seguridade e tráfico para a gala contra o cancro da Panorama
Un total de 107 persoas participan no operativo especial de seguridade e tráfico a desenvolver o venres, 2 maio, con motivo da celebración da 7ª Gala Panorama contra o Cancro no recinto de Fexdega. O dispositivo coordinouse en dúas xuntanzas celebradas entre responsables do Concello, forzas de seguridade e a organización do espectáculo. Efectivos dos servizos municipais da Policía Local e Protección Civil e Emerxencias contarán coa colaboración da Policía Nacional e das empresas de seguridade privada contratados pola organización para que o multitudinario evento transcorra con total normalidade e para que as 20.000 persoas que se espera que asistan poidan gozar do espectáculo que reúne a artistas nacionais e internacionais cun fin solidario.
Segundo se estableceu no Plan de Seguridades específico do evento, o Servizo Municipal de Protección Civil e Emerxencias mobilizará a 43 efectivos e a organización aporta 33 vixiantes dunha empresa de seguridade privada. A eles hai que engadir 14 patrullas das policías Local e Nacional máis, dúas unidades especiais do Corpo Nacional de Policía que mobilizan a outros 16 axentes; máis os 3 oficiais que quedan ao mando de ámbolos dous corpos.
No Plan de Seguridade tamén constan as inspección previas realizadas ás instalacións e equipos eléctricos de Fexdega, ás saídas de emerxencia, extintores, bocas de incendios e outras medidas para garantir que todo se atopa en perfecto estado no caso de precisar da súa utilización.
Hospital de Campaña, ambulancias e vehículo de extinción
Dados os típicos problemas que se producen nas aglomeracións masivas de persoas, o dispositivo preveu tamén emprazar unha ambulancia en cada unha das entradas ao recinto posterior de Fexdega, por si fora preciso facer algún traslado de emerxencia. Para a realización de primeiros auxilios e atencións de pouca importancia, no interior do recinto habilitarase un Hospital de Campaña que se emprazará a un dos lados do escenario. O posto estará atendido por médico e persoal sanitario e dotado de todo tipo de material para a realización de primeiros auxilios, así como de desfibriladores. Tamén se mobilizarán ata o lugar da gala solidaria un vehículo de extinción de incendios.
Tamén se organizará o interior do recinto con vaias para evitar avalanchas e aglomeracións de persoas e disporase dun vehículo con grúa para realizar vixilancia aérea do público a efectos de detectar de xeito rápido calquera incidencia e adoptar as medidas oportunas.
No exterior do recito instalaranse dúas billeteiras para a compra de entradas, para evitar aglomeracións de persoas. Recoméndase ás persoas que adquirisen por adiantado a entrada a través de medios telemáticos que as traian xa impresas para non provocar colas. Lémbrase que non se poderá acceder ao recinto con botellas, comida, petardos ou elementos pirotécnicos e outros utensilios ou obxectos que poidan constituír un perigo.
Dispositivo de tráfico
En canto aos aspectos relativos ao tráfico, en vista dos milleiros de persoas que acudirán mañá a Vilagarcía procedentes doutros municipios de Galicia e incluso de Asturias, León e norte de Portugal, solicitouse a Audasa a apertura de máis cabinas nos peaxes da autopista no acceso de Caldas para que tanto a entrada como a saída sexan máis fluídas. En calquera caso, recoméndase as persoas que se despracen doutros municipios, que veñan con antelación suficiente para evitar conxestión de tráfico, aglomeracións e problemas de última hora.
Para evitar problemas de aparcamentos, vólvese a habilita a finca de Ouro (nas inmediacións de Fexdega) para que poidan estacionar de xeito gratuíto os vehículos que o desexen. Persoal de Protección Civil encargarase de reordenar o estacionamento nesta superficie. A Policía Local encargarase de regular o tráfico na zona e tamén de controlar o cruce de peóns na Avenida Rodrigo de Mendoza.
Buzoneo a residentes
Con motivo da gala, a circulación nas rúas que bordean o recinto feiral e deportivo de Fexdega quedarán limitadas a un sentido da circulación e só se permitirá o acceso en vehículo a residentes. A medida e horarios xa se puxeron en coñecemento dos veciños da zona a través de buzoneo de folletos informativos realizado por persoal do servizo de Emerxencias e Protección Civil do Concello nos últimos días.
O groso do operativo porase en marcha a partir das seis da tarde e darase por pechado unha vez que quede completamente desaloxado o recinto tras o remate do espectáculo. O inicio da gala está previsto para as 23:30 horas e as portas de acceso ao recinto abriranse ás 20:30 horas para que o público poida ir accedendo con calma e tempo suficiente.
Para facilitar as labores de limpeza da zona, o Concello disporá numerosos contedores tanto no exterior como no interior do recinto as persoas depositen o lixo neles e resulte máis fácil a posterior recollida.
Cartel de luxo con artistas nacionais e internacionais
A Gala Panorama Contra o Cáncro, un evento musical dos máis multitudinarios que se celebran en Galicia ao longo de todo o ano e no que, ademais da emblemática orquestra galega, actuarán importantes estrelas da canción, tanto a nivel nacional como internacional. O cartel deste ano fórmano Antonio Orozco, Carlos Baute, Azúcar Moreno, David Civera, Merche, Kiko Rivera, Cali y el Dandi, Xuso Jones, Chino y Nacho, Inna, DKB, Canarias e José Costa. Os cantantes actuarán de xeito alterno coa integrantes da Orquestra Panorama e como condutor da gala actuará o humorista Roberto Vilar.
A orquestra Panorama organiza dende hai sete anos esta gala solidaria co obxectivo de recadar fondos opara a Asociación Española de Loita contra o Cancro. O evento celébrase por terceiro ano consecutivo en Vilagarcía contando coa colaboración do Concello na organización do mesmo. A recadación pola venta de merchandising e os custes de xestión na venta anticipada serán destinado integramente a este fin.











