Luis Fernández logra clasificarse para as semifinais do Mundial de Slalom
Luis Fernández logrou clasificarse para as semifinais do Mundial de Slalom que se disputa na localidade australiana de Penrith. O canoista de Salceda de Caselas terminou na sexta posición despois de completar as dúas primeiras serias e confirmou que é un serio candidato a estar entre os mellores ao final da competición.
Luis Fernández demostrou que se atopa nun magnífico estado de forma. O compoñente do Club Penedo competiu en C-1 na categoría xuvenil e foi unha das grandes sorpresas, xa que é a súa primeira participación nunha proba destas características.
Para estar nas semifinais debeu disputar dúas mangas. Na primeira delas estivo a piques de quedar eliminado, pero foi capaz de recuperarse. E na segunda non cometeu ningún erro, o que lle levou a terminar a competición cun rexistro de 105,28 segundos e na sexta posición.
O canoista de Salceda de Caselas aínda terá que superar as semifinais para poder estar na cita decisiva. Luis Fernández atópase concentrado ao longo da tempada no Centro de Alto Rendemento da Seu de Urgell e aspira a convertise no primeiro padeeiro galego que pode lograr unha medalla internacional na presente tempada.
Para poder acudir ao Mundial de Australia, unha praza que se gañou nas previas que se disputaron en Francia e España, Luis Fernández recibiu o apoio da Deputación de Pontevedra e do Concello de Salceda de Caselas.











