Ludoteca infantil de Semana Santa para os cativos de Nigrán
Tras o éxito da ludoteca de Nadal, o goberno municipal de Nigrán volve pór a disposición dos veciños e veciñas unha ludoteca de acceso libre e gratuíto para esta semana Santa, a cal se iniciou este luns 14 de abril, coa participación de máis de medio centenar de cativos. Durante esta xornada, os asistentes participaron nun taller de “Conexiño de Pascua”, xogos de presentación e paracaidas. Debido á variedade da idade dos nenos, estes levaban distintivos florais de cores, con motivo da primavera separando os tramos de idade, “piolliños” de 4-5 anos, “xoaniñas” de 6-7 anos e “pombas” de 8-9 anos.
A ludoteca seguirá aberta, este martes 15 e mércores 16 de abril, sen necesidade de reserva previa de praza para nenos e nenas de entre 4 e 10 anos, ambos incluídos, e seguirá ofrecendo actividades lúdicas, como o paracaídas, xogos tradicionais, talleres de reciclaxe, carreiras de ras e conexjiños de Pascua elaborados polos nenos, pompas de xabón, conta contos participativos, nos que serán os propios nenos quen vaian enriquecendo a historia, e unha obra de teatro asinada e interpretada por dous alumnos de 7 e 8 anos de idade do CEIP Humberto Juanes.











