Luar na Lubre e a Orquestra Sinfónica de Galicia interpretarán na Coruña ‘Torre de Breoghán’

Presentación do espectáculo
A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, acompañada polos integrantes de Luar na Lubre e polo xerente da OSG, Andrés Lacasa, presentou esta mañá os concertos que o grupo folk Luar na Lubre ofrecerá na cidade o próximo mes de xuño acompañado pola Orquestra Sinfónica de Galicia: “Será unha oportunidade única para comprobar en directo como a música folk dun dos nosos mellores grupos a nivel internacional dialoga cunha gran formación sinfónica como é a nosa orquestra“, asegurou a concelleira. Os recitais realizaranse os días 21 e 22 de xuño no Palacio da Ópera ás 20.00 e ás 12.00 horas, respectivamente.
Tal e como explicou Ana Fernández, para a cidade é unha honra ser o punto de partida da xira de Luar na Lubre, “unha banda coruñesa con máis de 25 anos de historia e máis de mil concertos que é todo un referente do folk a nivel internacional”, na que presentará o seu novo proxecto Torre de Breoghán. Trátase dun espectáculo de música e luz inspirado no Libro das invasións, que recrea unha ancestral historia épica coa Coruña, Galicia e Irlanda como protagonistas. “Cúmprese o soño de levar a cabo este proxecto conxunto inspirado na historia da cidade cunha das mellores orquestras da actualidade”, asegurou Bieito Romeu.
A concelleira sinalou que esta iniciativa é unha nova aposta da OSG por achegarse a todo tipo de públicos e lembrou programas como Son Futuro, que tratan de dar a coñecer aos novos valores da Orquestra á vez que achega a súa música o público máis novo; os recitais gratuítos que a OSG adoita realizar no marco das festas de María Pita; ou as colaboracións con recoñecidos cantantes, grupos e artistas: “A excelente maridaxe do folk coa OSG xa quedou demostrado en anteriores ocasións, como nas colaboracións con Cristina Pato, Susana Seivane, Mercedes Peón ou Carlos Núñez, así que, visto o éxito, non temos dúbidas do resultado desta Torre de Breoghán que contou cos arranxos do gran compositor Nani García”, destacou Fernández, quen lembrou os vínculos da vocalista de Luar na Lubre coa OSG, xa que participou, como soprano, no seu Coro. Lacasa, que cualificou o espectáculo de “ópera folk” destacou os meses de traballo conxunto que preceden á estrea e asegurou que a “gran calidade artística está garantida”.
Ana Fernández finalizou animando aos cidadáns a asistir a estes recitais: “unha oportunidade de coñecer o patrimonio cultural e artístico galego”.











