publicidade hoxe

Lousame e Boiro colaboran nunha ruta de sendeirismo entre as minas de San Finx e San Ramón de Bealo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoiroLousame
A-
A+

Os Concellos de Lousame e Boiro colaboran na organización dunha ruta de sendeirismo entre as Minas de San Finx e San Ramón de Bealo, que terá lugar o sábado 3 de maio entre as minas de San Finx e San Ramón de Bealo. Será a segunda ruta de sendeirismo organizada de xeito conxunto por Boiro e Lousame, logo da boa acollida que tivo a edición de 2013 na que participaron unhas 125 persoas.

Como novidade con respecto á anterior edición, este ano a ruta partirá das minas de San Finx para rematar en San Ramón de Bealo, o que facilitará a camiñata pois o camiño será na súa maior parte costa abaixo. Trátase dun percorrido de 12 quilómetros e cunha duración estimada de 4:30 horas e recomendada para persoas de todas as idades.

Traxecto

A ruta partirá ás 9:30 horas das minas de San Finx, onde se realizará unha visita guiada ao museo. Durante o traxecto, o sendeirista disfrutará dunha variada gama de paisaxes e diferentes tipos de bosques, dende os da ribeira do río Beluso ata unha espectacular panorámica da desembocadura da ría dende o monte Seixiño. No remate da ruta, ademais da ermida de San Ramón de Bealo, poderanse visitar os petróglifos da Laxe do Agoeiro e verase en funcionamento un dos poucos muíños de río que queda en funcionamento pola contorna.

Unha vez rematada a ruta, dende San Ramón de Bealo haberá un servizo de autobús que trasladará aos camiñantes de Lousame ata o punto de saída en San Finx (servizo de autobús que a primeira hora fará o camiño contrario para os participantes de Boiro, dende San Ramón de Bealo). A ruta ten unha cota de inscrición de 3 euros e as persoas interesadas en participar poden anotarse tanto en Lousame (na Oficina de Deportes de Lousame, no teléfono 981 820 494 ou no mail deporteslousame@gmail.com) como en Boiro (na Oficina de Turismo de Boiro, no mail turismo@boiro.org ou no teléfono 981 842 654). O prazo límite de inscrición é o venres 2 de maio.

22 de abril de 2014 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.