Lousame acollerá obradoiros, exposicións e fomento da lectura entre as actividades do mes de abril
O Concello de Lousame elaborou un completo programa de actividades para este mes de abril que inclúe unha exposición de fotografía, unhas xornadas contra o maltrato animal, un obradoiro cultural infantil, unha conferencia sobre a II República e a entrega dos premios aos mellores lectores da Axencia Municipal de Lectura. “Pensamos que é unha programación variada e para todos os gustos, polo que agardamos que as distintas actividades conten co maior número de participantes, especialmente iniciativas como a primeira Xornada contra o Maltrato Animal, que servirá para dar a coñecer á veciñanza o proxecto que a Protectora Arca quere desenvolver no noso municipio”, explica a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde.
Mañá venres 11 de abril, ás 20:30 horas, a casa da cultura de Lousame acollerá a inauguración da exposición de fotografía “Imaxes con fondo”, organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en colaboración coa Concellería de Cultura e Xuventude de Lousame. Trátase dunha exposición deseñada polo debuxante Pepe Carreiro e está conformada pola compilación das 19 obras máis significativas presentadas ao concurso de fotografía “Imaxes con Fondo”, celebrado en 2012.
A exposición, que poderá visitarse en Lousame ata o vindeiro 30 de abril, pretende promover a reflexión, o pensamento crítico e un cambio de actitude dentro da nosa sociedade por medio da palabra e da imaxe. Para iso, conta cun total de 20 paneis que, salvo o primeiro (que é explicativo sobre a orixe da mostra), conteñen unha ou varias fotografías acompañadas dun texto de 140 caracteres a través do que se fai unha aposta polas condutas solidarias e respectuosas co entorno e coas persoas que nel habitan. Os paneis tratan diferentes temáticas, como: a solidariedade interxeneracional, o aforro enerxético, o respecto medioambiental, o consumismo da sociedade occidental, a prostitución, a explotación laboral, as iniquidades que xera o modelo de produción actual, a crise alimentaria e as iniquidades Norte-Sur.
Xornada Maltrato Animal
Media hora despois, ás 21:00 horas, o salón de actos da casa da cultura de Lousame acollerá a I Xornada contra o Maltrato Animal, organizada polo Concello de Lousame e pola Protectora Arca de Noia, en colaboración co Centro Veterinario SAN MARCOS. O acto é de asistencia libre e de balde xa que o obxectivo é dar a coñecer o labor que fan dende estas asociacións de defensa da natureza e protección da vida animal.
De feito, o Concello de Lousame está a colaborar coa asociación protectora de animais ARCA de cara a poder asentar un refuxio para animais no municipio. Unha colaboración que se iniciou no último trimestre de 2013 e que mesmo incluíu a celebración do primeiro macromercadillo solidario por parte de ARCA no polideportivo de Lousame, un evento no que se lles atopou un fogar e unha familia a moitos dos animais recollidos por esta asociación. Coa xornada deste venres preténdese concienciar á veciñanza sobre a realidade do abandono e o maltrato dos animais, especialmente nunhas datas como as actuais de inicio de vacacións.
Obradoiro infantil
Para o sábado 12 de abril, o Concello de Lousame ten programado un obradoiro cultural Infantil da man de Teatro Babaluva: “Retratando a Díaz Castro”, dirixido a nenos e nenas de 5 a 12 anos. Trátase dun obradoiro creativo no que os participantes deseñarán un retrato de Díaz Castro, co obxectivo de dar a coñecer a relevancia deste escritor ao que se dedica este ano o Día das Letras Galegas. Para iso, os nenos e nenas aprenderán a técnica da colaxe e debuxarán con estilo cubista coa perspectiva múltiple, a máis axeitada para plasmar a dobre faceta do autor: poeta e tradutor.
O obradoiro terá lugar este sábado 12 de abril, de 11:00 a 12:30 horas na casa da cultura de Lousame. A participación é totalmente de balde, se ben o número de prazas é limitado polo que é preciso anotarse na Casa da Cultura (981 82 57 80). Este obradoiro forma parte do programa Ler Conta Moito que organiza a Xunta de Galicia.
Memoria Histórica
Completan o programa de actividades de abril un conferencia conmemorativa da proclamación da II República a cargo do historiador Emilio Grandío, que terá lugar o luns 14 de abril, ás 20:00 horas, na casa da cultura de Lousame. A asistencia é totalmente libre e de balde. Grandío é profesor titular do Departamento de Historia Contemporánea e América da Universidade de Santiago de Compostela especializado en temas relacionados co II República e a Guerra Civil. Ten publicado estudos como “A Segunda República en Galicia. Memoria, Mito e Historia” (Editorial Nigra Trea) ou “Caciquismo e eleccións na Galiza da II República” (A Nosa Terra); e coordinado publicacións como “República e republicanos en Galicia” (Ateneo Republicano de Galicia, A Coruña 2006) ou o dossier “La Segunda República: nuevas miradas, nuevos enfoques”.
Por último, o sábado 26 de abril terá lugar a entrega de premios aos mellores lectores da Axencia Municipal de Lectura no ano 2013. Un acto que terá lugar na Casa da Cultura, ás 12:00 horas.











