Licítase a redacción dos proxectos para os aparcadoiros disuasorios na Coruña da Terceira Rolda e Ponte da Pasaxe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licita hoxe no Diario Oficial de Galicia a redacción dos proxectos necesarios para a execución de dous aparcadoiros disuasorios na Coruña, o ubicado ao final da Terceira Rolda, en San Pedro de Visma; e o no entorno da Ponte da Pasaxe, na marxe dereita da Avenida da Pasaxe (AC-12). O importe deste contrato que licita a Axencia Galega de Infraestruturas ascende a case 50.000 euros e permitirá dispoñer de unha media de 350 prazas de aparcamento entre ambas instalacións intermodais.

Tal e como se sinala no prego do contrato, redactarase un proxecto independente para cada un dos aparcadoiros propostos, cun desenvolvemento completo da solución óptima, co detalle suficiente para facer factible a súa construción e posterior explotación. Asemade, estudarase con detalle a reposición de camiños, vías pecuarias, accesos, servidumes e servizos que resulten afectados, incluíndo no estudo as actuacións que se estimen necesarias para a súa correcta reposición.

Estes aparcadoiros da Terceira Rolda e Ponte Pasaxe serán específicos de intercambio modal, nos que se realiza a intermodalidade entre o vehículo privado e un modo de transporte público colectivo (principalmente o autobús, pero tamén outros como o tren). Trátase de zonas situadas en puntos onde conflúen diferentes rutas de transporte en vehículo privado (interseccións, inicios de vías de alta capacidade) de tal forma que os usuarios poden concentrarse alí, deixar algún dos seus vehículos aparcados e compartir outros para completar o seu desprazamento.

Compre lembrar que para a execución deste tipo de infraestruturas é necesaria a colaboración municipal para a tramitación e obtención de licencias licencias e permisos necesarios para a execución das obras, así como a posta dos terreos necesarios a disposición da Xunta de Galicia. Nese sentido, as actuacións coordinaranse adecuadamente co concello da Coruña, co fin de que as obras se executen segundo un convenio que garanta que se levan a cabo sobre terreos da súa titularidade e que, unha vez executadas, aquel asumirá a súa conservación e explotación.

Dende a Xunta sinalase a necesidade de manter a coordinación adecuada coa Administración Xeral do Estado, con outros centros directivos da Administración Autonómica, coa Deputación Provincial da Coruña, e co concello de A Coruña, así como co resto de entidades e organismos que se puideran ver afectados ou que puidesen aportar datos de interese para a redacción do estudo.

Mobilidade sostible

Unha das liñas fundamentais da Consellería de Medio Ambiente é o fomento dunha mobilidade sostible, é dicir, un modelo de mobilidade baseado no uso de modos colectivos e outros xeitos alternativos ao emprego indiscriminado do coche, tanto no ámbito interurbano e metropolitano. No marco destas actuacións sitúase a promoción dos aparcadoiros disuasorios como elementos que van permitir o aforro enerxético e unha redución da pegada de carbono por medio do fomento do transporte público e das viaxes compartidas (car-pooling).

Estes espazos pretenden reducir a conxestión de tráfico, promover o uso do transporte sostible e incrementar a eficiencia no emprego do transporte e das infraestruturas.

Con este proxecto a Xunta pretende diminuír o tempo de desprazamento ao obter a máxima eficiencia en cada etapa de viaxe; potenciar o uso do transporte público e evitar a mobilidade en vehículo privado en vías e zonas conxestionadas.

As actuacións formuladas no plan para potenciar o uso dos aparcadoiros disuasorios consistirán, entre outras, na posta en marcha dunha sinalización común para todos de xeito que os cidadáns os identifiquen claramente nos accesos ás cidades. Ademais, acordarase cos concellos as modificacións necesarias na oferta de transporte para conectalo adecuadamente coas áreas de intercambio modal, e poranse en marcha vantaxes como unha tarificación conxunta para o intercambio entre o vehículo privado e o transporte público.

4 de abril de 2014 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.