Licítanse as obras de reforma e reparación do albergue xuvenil das Sinas en Vilanova de Arousa
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio da licitación, por trámite ordinario, da adxudicación do contrato para as obras de mantemento, conservación, reforma e reparación do albergue xuvenil de As Sinas, situado en Vilanova de Arousa.
Os traballos a realizar nesta instalación, dependente da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar, estarán dotados dun orzamento que supera os 310.000 euros.
O prazo de presentación de ofertas será de 26 días naturais a partir de hoxe. Pola súa banda, segundo se establece no anuncio do DOG, o límite para a execución destas obras desde que comecen será de catro meses.
Estas obras non repercutirán en ningún modo no funcionamento normal do campamento durante o verán, xa que este albergue ofrecerá unhas 600 prazas (entre a quenda ordinaria e a oferta concertada) durante o período estival.